Diálogo cos autores galegos galardoados co Premio da Crítica 2024, Manuel Rivas e Daniel Salgado

Data
Mércores, 18 de xuño de 2025
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Compartir

O mércores, 18 de xuño, ás 19.30h na Rúa do Vilar, 19, terá lugar o acto de entrega dos Premios da Crítica 2024, en lingua galega, na modalidade de narrativa e poesía, organizado pola Asociación Galega da Crítica (AGC) coa colaboración do Ateneo de Santiago.

Estes premios concédeos a Asociación Española de Críticos Literarios dende 1956 e outórganse aos mellores libros de narrativa e poesía publicados no ano anterior, tanto en castelán como en galego, euskera e catalán. A proposta da Asociación Galega da Crítica, este ano o fallo recaeu no poemario Poemas realistas de Daniel Salgado e na novela Tras do ceo de Manuel Rivas.

No acto participarán:
        -Pilar Sampedro, Secretaria do Ateneo de Santiago.
        -Mario Regueira, representante da Asociación Galega da Crítica.
        -Manuel Rivas, galardoado na modalidade de narrativa.
        -Daniel Salgado, galardoado na modalidade de poesía.
        -Olivia Rodríguez González, escritora.
        -Inma Otero Varela, escritora.

POEMAS REALISTAS DE DANIEL SALGADO

Poemas realistas explora as posibilidades do poema como testemuña dunha época ou a devoración dunha época que impón o poema. Non hai elección posible, hai sangue e lama e, malia todo, onde estea a mazaira vella, aí finalmente estará a nosa fráxil condición política.

Daniel Salgado (Monterroso, 1981), Licenciado en Ciencias da Comunicación e Doutor en Filoloxía Galega pola USC, é Director de Ariel. Boletín quincenal de cine en galego, editado polo Cineclube Compostela, e colaborador de A Trabe de Ouro, A Nosa Terra, Dorna e Xistral. Tradutor ao galego de Allen Ginsberg, Lawrence Ferlinghetti e Adrienne Rich e ao castelán de Lois Pereiro, participou como coautor na curtametraxe documental O río é noso (2004) para protestar contra os encoros do Alto Ulla. Como poeta gañou en 2001 o Premio de Poesía O Facho, en 2002 o Premio de poesía Uxío Novoneyra con Sucede e en 2004 o Premio Esquío de poesía con Días en el imperio, ademais de ser accésit do Premio Francisco Añón de Poesía co poemario Do preguizoso costume de estarmos vivos e finalista do Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño en 2004 co libro Ahora qué. Formou parte do grupo de música electrónica agit prop Das Kapital, facendo as bases musicais, e en 2018 comezou o proxecto musical Vietcong con Alexandre Losada (guitarra) e Luis Garrido (saxofón).

TRAS DO CEO DE MANUEL RIVAS

Unha cuadrilla de cazadores, urbanos e con relacións de amizade e negocios, participa nunha batida na que o obxectivo é «O Solitario», un lendario porco bravo, considerado moi perigoso, a quen se lle atribúe unha morte e ataques a participantes noutras cazarías. No escenario agreste da batida, dúas mulleres sendeiristas afrontan unha situación de risco e os cazadores acoden na súa axuda. Despois, o que comeza sendo unha conversa informativa e amábel irá derivando nunha tensa discusión, sobre a caza e outros asuntos da vida, até chegar a un punto de violencia verbal. As mulleres, nai e filla, abraiadas pola situación, deciden fuxir. Dombodán, o máis novo da cuadrilla e o único que é natural de Tras do Ceo, o territorio onde transcorre a historia, vai narrando os feitos que se suceden nunha xornada trepidante. E faino cunha ollada propia, que perturba e engaiola a un tempo, levándonos da comedia ao inferno. Esta obra de Manuel Rivas é unha novela negra radical, salvaxe, sen edulcorantes, e que forma parte dun proxecto literario que ten por fondo a caza do home polo home e a depredación social e natural.

Manuel Rivas (A Coruña, 1957) traballou dende moi novo en prensa, estando as súas reportajes e artigos reunidos en El periodismo es un cuento (1997 e 2015), Mujer en el baño (2003) e A cuerpo abierto (2008). Codirector da revista Luzes, a súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Unha mostra da súa poesía está recollida na antoloxía El pueblo de la noche (1997) e La desaparición de la nieve (2009). Como narrador obtivo, entre outros, o Premio da Crítica española por Un millón de vacas (1990), o Premio da Crítica en galego por En salvaje compañía (1994), o Premio Nacional de Narrativa por ¿Qué me quieres, amor? (1996), o Premio da Crítica española por El lápiz del carpintero (1998) e o Premio Nacional da Crítica en galego por Los libros arden mal (2006), considerada como unha das grandes obras da literatura galega e elixida Libro do Ano polos Libreiros de Madrid. En 2012, Alfaguara publicou os seus contos reunidos baixo o título Lo más extraño. A súa novela Todo es silencio (2010), finalista do Premio Dashiell Hammett de novela negra, foi levada ao cine en 2012 por José Luis Cuerda e El último día de Terranova (2015) foi seleccionado como un dos 100 mellores libros do ano por The New York Times.  En 2022 foi galardoado por ser un dos escritores galegos con maior proxección internacional coa Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes e en 2024 foille concedido o Premio Nacional das Letras Españolas.

Próximos eventos Ver axenda