Club de lectura do Festival Ateneo Barroco 2025

Data
Xoves 9 e mércores 22 de outubro de 2025
Horario
18.00h
Lugar
Ateneo de Santiago / Numax
Máis información

Inscricións: ateneo@ateneodesantiago.gal

Teléfono de contacto: 622 274 110 (de luns a venres, 9.30-13 h.)

Web Ateneo Barroco

Compartir

Na súa sexta edición, o Festival Ateneo Barroco achegaba unha nova actividade, o seu Club de Lectura. Festival de música con vocación de transversalidade dende diversas formas de manifestación das artes (cinematográfica, plástica, literaria, etc.) e de abordaxe do vasto e riquísimo mundo da música antiga e barroca dende unha nova perspectiva de achegamento cada ano, o festival creaba unha actividade directamente relacionada coa literatura. Na súa busca constante por ofrecer puntos de vista e de reflexión, de afondamento e descubrimento, das músicas antigas e barrocas, a das letras era unha materia pendente do festival. Animados pola resposta e acollida desa primeira convocatoria en 2024, polo interese espertado e polo enriquecedor da experiencia de compartir lectura e música, propoñemos a segunda edición deste Club de Lectura do Ateneo Barroco, que ten entre os seus obxectivos, ao tempo que amplifica a multidisciplinaridade do festival e fomenta a lectura, a creación dun espazo de intercambio de ideas e diálogo entre o público do mesmo.

Para gozar dese momento de introspección, inspiración, goce esencial e auténtico que nos ofrece a lectura e no marco dunha edición titulada «Instrumental», na que en cada concerto un ou dous instrumentos adquiren unha presenza especial, no Club de Lectura será un dos instrumentos máis representativos e con máis protagonismo na música do Barroco, o violín, o que estimula a selección das novelas de dúas escritoras que, en diferentes estilos, teñen en común ter atopado no violín e nunha violinista a fonte de inspiración, tamén de documentación e investigación, para a súas últimas obras.

As sesións do Club de lectura serán moderadas por Carlos Valdés (filólogo, editor, ilustrador, tradutor e codirector e fundador da editorial Irmás Cartoné) na mesma sede do Ateneo na Praza de Salvador Parga (La violinista, xoves 9 de outubro) e por Olaia Tubío e María Villamarín (xornalistas e libreiras de Numax) o mércores 22 de outubro en Numax (El violín de Lev), nunha sesión que confirma a interesante colaboración iniciada na pasada edición entre Numax Cinema e Libraría e o Festival Ateneo Barroco.

A entrada para as sesións do Club de Lectura do Ateneo Barroco 2025 é gratuíta, previa inscrición. As prazas son limitadas e os participantes poden apuntarse no correo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal, podendo os interesados inscribirse para unha das dúas sesións de forma independente ou nas dúas até completar as prazas dispoñibles.

Os participantes comprométense a conseguir os libros pola súa conta, tendo a posibilidade de adquirilos cun 5% de desconto na Libraría Numax (Rúa Concepción Arenal, 9).


HARRIET CONSTABLE
LA VIOLINISTA
Planeta 2024
sesión moderada por CARLOS VALDÉS
Ateneo de Santiago (Praza de Salvador Parga, 4 - 2º)
Xoves, 9 outubro 2025
18.00h
Xornalista de investigación, documentalista e escritora londiniense, Harriet Constable narra na súa primeira novela, La violinista (Planeta, 2024), a historia de Anna Maria della Pietà, abandonada pola súa nai no veneciano orfanato da Pietà, o Ospedalle della Pietà. Amplamente coñecido na época polas súas novas mulleres músicas, o seu coro e a súa orquestra feminina, nesta institución foi profesor e mestre de capela Antonio Vivaldi, sendo a súa pupila Anna Maria della Pietà, quen se convertería nunha grande violinista. Harriet Constable ten investigado e novelado a vida de Anna Maria della Pietà, enchendo coa súa imaxinación as lagoas dunha historia que retrata con crueza o que debeu ser a vida das nenas abandonadas nos hospicios venecianos, nos que a música era parte importante da súa educación. Unha historia que o é tamén, coas súas luces e as súas sombras, da Venecia de finais do XVII e principios do XVIII.


HELENA ATTLEE
EL VIOLÍN DE LEV
Acantilado 2023
sesión moderada por OLAIA TUBÍO / MARÍA VILLAMARÍN
Numax Libraría (rúa Concepción Arenal, 9)
Mércores, 22 outubro 2025
18.00h
En El violín de Lev (una aventura italiana) (Acantilado, 2023) Helena Attlee narra a súa viaxe tras a historia do violín de Lev, un instrumento que leva o nome do seu antigo propietario ruso e cuxo son fascinou á autora dende a primeira vez que o escoitou. Buscando a orixe e os secretos deste violín, Helena Attlee cubre a primeira etapa da súa investigación e dunha longa viaxe, que a levará a destinos insospeitados en Cremona, o berce dos mellores violíns da historia. Aplaudida autora de catro libros sobres xardíns italianos e sobre a historia cultural dos xardíns do mundo, Helena Attlee, transitando entre o ensaio, a novela e a literatura de viaxe, anima ao lector a afondar na cultura italiana dende a música pero tamén dende a perspectiva das profesións relacionadas con esta e en clave histórica.


CLUB DE LECTURA DO FESTIVAL ATENEO BARROCO 2025

prazas limitadas
inscrición (independente para cada unha das sesión do Club de lectura): ateneo@ateneodesantiago.gal

libros dispoñibles co 5% de desconto en Numax Libraría (rúa Concepción Arenal, 9)

Próximos eventos Ver axenda