Improvisando: FRACTAIS SONOROS con Alejandro Vargas
- Data
- Sábado, 18 de outubro de 2025
- Horario
- 20.30h
- Lugar
- Parador Hostal dos Reis Católicos
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
IMPROVISANDO
FRACTAIS SONOROS
ALEJANDRO VARGAS piano / Organ Sound
Parador Hostal dos Reis Católicos
Sábado 18 outubro 2025
20.30h
O festival Ateneo Barroco, para pechar a súa sexta edición o pasado ano, presentou «Improvisando», unha nova achega dentro das súas actividades complementarias coa que o festival dá un paso cara adiante na súa vocación multidisciplinar e se abre a outros públicos e perspectivas de interpretación. Se nesa primeira proposta no Ateneo Barroco 2024 os protagonistas foron Pablo Seoane e Pablo Rega cunha sesión de improvisación a partir da aria das Variacións Goldberg de Bach, na sétima edición esta sesión especial “Improvisando” estará a cargo do pianista Alejandro Vargas. Residente en Santiago de Compostela onde se ten convertido nunha das referencias musicais da cidade e de Galicia e onde chegou xa recoñecido como un dos más salientables compositores e intérpretes das novas xeracións do jazz cubano, Alejandro Vargas atesoura unha ampla e riquísima traxectoria como solista, como líder de diferentes agrupacións e como compositor e orixinal creador da que serve de ilustrativa testemuña a súa variada discografía. Envolto nun proceso de evolución artística constante, Alejandro Vargas está profundamente implicado nun proxecto persoal que ten que ver coa creación dunha nova forma de sistema harmónico (Sound Fractals), na que materializa a súa proxección sonora e na que, a través da creación de planos sonoros, usando a improvisación temática como ferramenta fundamental, na que o criterio sonoro se constrúe dende a achega de obras que van dende o Renacemento até influencias do minimalismo ou do jazz de vangarda, creando paisaxes sonoras capa a capa, como a mesma lóxica dun órgano de tubos. Nesta sesión prestando atención a referencias barrocas francesas –leccións de tebras, danzas, sonatas…– que forman un dos piares da programación do Ateneo Barroco 2025. No seu proxecto sonoro, Alejandro Vargas outorga esencial valor como amplificación aos altofalantes de tubo OrganSound, creación dun coñecido e lembrado enxeñeiro compostelá (Juan Portela Seijo) e fabricación de base artesanal, cuxa estética se inspira nunha catedral gótica e nos propios órganos antigos.
ALEJANDRO VARGAS (Holguín, Cuba, 1980) é un dos compositores e intérpretes máis recoñecidos das novas xeracións do jazz cubano. Graduado como concertista no Instituto Superior de Arte da Habana, actualmente reside en Santiago de Compostela. Conta cunha ampla traxectoria como pianista e compositor e ten participado en importantes proxectos discográficos con Central Folque (Deseño ao Vivo: Cuba-Galicia, Miniaturas de Eugenio Granell, Chané na Habana, etc.). Como líder gravou numerosos discos para cuarteto, trío, dúo e piano solista: Oceanía, Diablito Baila, Ama Aza Lando (piano só), Opersuite (dúo Vargas-Legido), Máis Alálá (Alejandro Vargas & Xelis de Toro), etc. Actualmente está implicado nun proxecto persoal que ten que ver coa creación dunha nova forma de sistema harmónico, “Fractais Sonoros”, no que realizar a súa proxección sonora. Traballa con diversos formatos, xa sexan electrónicos, sintetizadores ou obxectos sonoros. A súa ampla experiencia colaborativa levouno a tocar por todo o mundo con artistas da categoría de Herbie Hancock, Chucho Valdés, Mú Mbana, Mauricio Caruso, Ugia Pedreira, Rosa Cedrón, Mónica de Nut, Guadi Galego, Lar Legido, Xelis de Toro, entre outros.
FRACTAIS SONOROS / ORGAN SOUND (Alejandro Vargas)
«Fractais Sonoros» é a creación de planos sonoros usando a improvisación temática como ferramenta fundamental. Outorgando valor como amplificación aos altofalantes de tubo OrganSound (creación dun enxeñeiro compostelán e fabricación de base artesanal, cuxa estética se inspira nunha catedral gótica e nos propios órganos antigos), o criterio sonoro constrúese dende a achega de obras que van dende o Renacemento até influencias do minimalismo ou do jazz de vangarda. O proceso sonoro pode estar xerado dende o piano, o sintetizador, creando paisaxes sonoras capa a capa, como a mesma lóxica dun órgano de tubos.
