Ciclo «Cinema, Doc, Música» (Ateneo Barroco 2025)
- Data
- Sábado, 11 de outubro de 2025
- Horario
- 17.15h
- Lugar
- Sala Numax (Rúa Concepción Arenal, 9)
- Máis información
Venda de entradas (a partir do 1 de outubro):
4€ (abonados Numax e abonados Festival Ateneo Barroco)
5€ (maiores de 65 anos, menores de 18 anos, estudantes menores de 25 anos, desempregadas e carné xove)
6€ (público xeral)
Como ilustrativo complemento didáctico, o Festival Ateneo Barroco reedita a súa achega de oferta cinematográfica e documental. Relacionadas directa ou indirectamente cos programas, os filmes que cada edición propón o festival enriquecen os seus contidos e ofrecen unha panorámica suplementaria de aspectos musicais, de eventos históricos, de personaxes, en resumo, de historias do Barroco e as súas músicas, filtradas a través da visión de cineastas, músicos, artistas, escritores, musicólogos e especialistas.
En outubro de 2024, o Festival Ateneo Barroco estreaba na súa sexta edición un novo espazo, o cinema Numax, unha multidisciplinar sala de cinema e libraría que, dende a súa inauguración en 2015, se converteu nunha indiscutible referencia da vida cultural compostelá e galega.
Numax será de novo a sede desta liña das actividades complementarias do Festival, denominada «Cinema, Doc, Música...», no marco desta sétima edición que titulamos «Instrumental», na que, en cada concerto, un ou dous instrumentos adquiren unha presenza especial. Un dos instrumentos máis representativos e con máis protagonismo na música do Barroco, o violín, inspirou, por distintas razóns pero con algúns nexos comúns vencellados á construción do instrumento, o filme documental seleccionado para este Ateneo Barroco 2025.
THE QUEST FOR TONEWOOD (Na busca do violín perfecto)
Hans Lukas Hansen. Documental, 83’. Noruega, 2021
Presenta: José Víctor Carou
Sala Numax (Rúa Concepción Arenal, 9)
Sábado, 11 outubro 2025
17.15h
O reto autoimposto por Gaspar Borchardt, lutier asentado en Cremona, berce dos mellores violíns da historia, de atopar a árbore que lle proporcione a madeira perfecta coa que construír o violín da súa vida sostén a trama deste documental. En The Quest for Tonewood o director noruego Hans Lukas Hansen documenta a determinación de Borchardt na súa empresa e dramatiza os perigos da súa viaxe aos bosques dos Balcáns para atopar esa madeira de calidade mítica, como a que utilizaron os grandes mestres lutiers do pasado en Cremona, coa que construír o violín perfecto para unha intérprete excepcional, a violinista holandesa Janine Jansen, quen tamén colabora no documental.
