Visita a Palencia: o románico palentino e a vila romana da Olmeda

Data
Do 2 ao 4 de outubro de 2025
Máis información

Unicamente se rexistrarán as inscricións a través do enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal (non se rexistrará ningunha inscrición por teléfono, whatsapp ou outros medios que non sexa o indicado). A data límite para anotarse é o xoves, 11 de setembro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude.

Ateneo Viaxeiro
Compartir

Do 2 ao 4 de outubro o Ateneo de Santiago realizará unha visita ao románico palentino e á vila romana da Olmeda, co seguinte itinarario:

XOVES, 2 DE OUTUBRO - Viaxe de Santiago de Compostela a Palencia

8.00h. Saída da Rúa da Rosa de Santiago con destino a Palencia

Rexistro no Hotel Rey Sancho

14.00h. Xantar no Hotel Rey Sancho

Palencia conta cun gran patrimonio histórico-artístico, reflexo da importancia do seu pasado. É un importante centro industrial de Castela e León e sitúase entre as cidades de España con maior superficie axardinada en relación aos habitantes (76.598 habitantes). Cunha extensa rede de rúas peatonais no centro, está considerada como unha das cidades máis sostibles de España.

16.30h. Saída do hotel á praza da Inmaculada, onde se inicia a visita á Catedral, interior e exterior.

Percorrido polo casco histórico da cidade
Concello, Praza Maior con edificios de estilo eclético e modernista, Catedral de San Antolín (por dentro e por fóra), torre da Igrexa de San Miguel, colexio Villandrando, a Soledad, San Francisco, Palacio da Deputación, as Claras e Cuatro Cantos, o Cristo do Otero (cunha imaxe de Xesús das máis grandes do mundo), a praza de Abastos e a dársena do Canal de Castilla.

Visita ao Museo da Auga
Patrimonio Cultural. Ubicado na Dársena do Canal de Castilla, antigamente foi un almacén de cereais. Antigo edificio asimilado á obra hidraulica da Ilustración Española.

19.30h. Fin da visita guiada e cea libre

VENRES, 3 DE OUTUBRO - Vila Romana da Olmeda, Carrión de los Condes, Villalcázar de Sirga e Frómista

Almorzo

9.30h. Visita guiada á Vila Romana da Olmeda, Carrión de los Condes e Villalcázar de Sirga

A Olmeda
Patrimonio arqueolóxico palentino do Baixo Imperio romano ( s. IV d.C.), descuberto en 1968. É un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes do mundo romano hispánico, unha vila rural con aires palacianos, hoxe o recurso turístico mellor valorado da provincia. Destácase: o Oecus ou salón principal (V-14), os baños ou Balnea, o sector Sur (B-12), sector Norte aposyterium ou vestiario(B-02), o frigidarium ou piscina de auga fría (B-03), tepidaria e caldaria, zona de baños de auga tépeda e quente, a PARS rustica ou parte rústica, zona de graneiros, alfares, talleres, cortes e almacéns. En Saldaña, a 6 km complétase a visita co Museo da Olmeda.

Carrión de los Condes
A poboación é coñecida polos seus monumentos románicos, como a Igrexa de Santiago, unha das obras cumio da escultura románica na Terra de Campos, no corazón da arte e historia da Ruta Xacobea. É un lugar de paso para os peregrinos que percorren a ruta francesa do Camiño de Santiago. O seu casco urbano, ás beiras do río Carrión, conserva varios edificios relixiosos medievais. Entre os seus monumentos destacan A Casa do Águila (foi Palacio dos Condes de Salinas), Casa dos Xirón (s XVII), Casa dos Lomana, Casa Grande “Das Lágrimas”, Ponte maior (Medieval), Mosteiro de San Zoilo (s XI), Mosteiro de Santa Clara (s XIII) e varias igrexas (de Santiago, século XII; de Santa María das Victorias e do Camiño; de San Julián...)

Villalcázar de Sirga
Pertenceu á orde do Temple. Debeu de ser encomenda pola importancia da súa igrexa. Estivo fortificada e aínda se conservan restos de ameas. Destacan:
Igrexa de Santa María A Blanca, templo-fortaleza construída pola Orde dos Templarios (finais s. XII), na transición do románico ao gótico. O rey Afonso X o Sabio compuxo aquí as Cantigas de Santa María inspiradas nos milagres que chegaron a ser famosos na Idade Media. Interesante o exterior, interior e imaxinería (Gran imaxe da Virxe das Cantigas).
Palacio dos Condes de Villasirga (s. XVIII, hoxe casa consistorial). 
Restos do antigo Hospital Real das Tendas ou de Santiago.

Xantar no Mesón Los Templarios

17.00h. Frómista
En pleno corazón da comarca de Terra de Campos. Con vinculación histórica ao Camiño de Santiago. Destacan a Igrexa de San Martín de Tours de Frómista (do século XI, está considerada unha das principais xoias do románico europeo), o Canal de Castilla, a Ermida de Nosa Señora do Outeiro, a Igrexa de San Martín de Frómista, a Igrexa de San Pedro, a Igrexa de Santa María do Castillo e o Museo de Arte Sacra.

18.00h. Regreso a Palencia e cea libre

SÁBADO, 4 DE OUTUBRO - Ampudia, San Juan de Baños, Tordesillas e regreso a Santiago.

Almorzo

9.30h. Saída de Palencia 

10.00h. Visita a Ampudia
Unha das poboacións medievais máis bonitas de Palencia, con edificios porticados. A súa historia remóntase á Alta Idade Media. Foi sede episcopal. En tempos de Felipe III e o Duque de Lerma, duque maior da súa corte, creouse o Condado de Ampudia. Ten un castelo, fortaleza medieval do século XV, cunha ponte levadiza. Moitas das escenas da película “El Cid”, con Chalton Heston e Sofía Loren, foron rodadas neste municipio. Destaca a Colegiata de San Miguel, construción gótico-renacentista, de Interese Cultural, cun interesante retablo no altar maior e o Museo de Arte Sacra, un dos máis importantes de Palencia, con especiais xoias artísticas. 

12.00h. Visita a San Juan de Baños. 
Monumento máis destacado da arte visigoda española, lugar de esparcemento romano, situado na veiga do río Pisuerga e nas confluencias do río Carrión.

13.30h. Parada en Tordesillas para comer

16.00h. Regreso de Tordesillas a Santiago de Compostela

21.00h. Hora prevista de chegada a Santiago

O prezo total aproximado da viaxe é de 270€ por persoa en habitación dobre. 
Suplemento habitación individual (suxeito a dispoñibilidade): 50€
Suplemento persoas non socias do Ateneo: 50€

O prezo inclúe:
   - Autobús
   - 2 noites no Hotel Rey Sancho**** en habitación dobre, en réxime de aloxamento e almorzo
   - 3 comidas en grupo
   - Visitas
   - Guías

O prezo non inclúe ceas.

As inscricións deberán realizarse no enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal ata o xoves, 11 de setembro, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. No caso de inscribirse máis persoas que prazas dispoñibles, as admisións realizaranse mediante un sorteo, que se levará a cabo o venres, 12 de setembro, tendo preferencia de admisión os/as ateneístas. Aqueles que sexan admitidos deberán ingresar o importe da visita antes do prazo que se lle indique no mail de confirmación.

Próximos eventos Ver axenda