Debate sobre «Todo se desmorona» de Chinua Achebe
- Data
- Martes, 11 de novembro de 2025
- Horario
- 17.30h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
O martes, 11 de novembro, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Todo se desmorona de Chinua Achebe.
En Todo se desmorona Okonkwo é un guerreiro, cuxa fama se estende por toda a África Occidental, pero ao matar por accidente a un prohome do seu clan é obrigado a expiar a súa culpa co sacrificio do seu fillastro e o exilio. Cando por fin pode regresar á súa aldea, atópaa chea de misioneiros e gobernadores británicos. O seu mundo derrúbase e el non pode máis que precipitarse cara a traxedia. Esta apaixonada parábola sobre un home orgulloso que, desamparado, presencia a ruína do seu pobo foi publicada en 1958 e dende entón vendeu máis de dez millóns de exemplares en corenta e cinco idiomas.
Chinua Achebe (Nixeria, 1930 - Massachusetts, 2013) criouse na cidade de Ogidi, un dos primeiros centros de evanxelización anglicana do leste de Nixeria, e licenciouse no University College de Ibadán. Empezou a súa carreira na radio pero abandonouna en 1966 ao dimitir do seu posto de director de Emisións Internacionais durante o alzamento nacional que conduciu á guerra de Biafra, ingresando osteriormente no Ministerio de Información de Biafra para representar a esta rexión en diversas misións diplomáticas e recadar fondos. Foi docente na Universidade de Nixeria, en Nsukka, posto que lle permitiu dar clases no estranxeiro; profesor de lingua e literatura no Bard College durante quince anos; e catedrático na David and Marianna Fisher University e no departamento de Estudos Africanos da Brown University. Escribiu máis de vinte libros, entre novelas, relatos, ensaios e coleccións de poemas, e recibiu premios e condecoracións en todo o mundo, incluíndo a de membro honorario da American Academy of Arts and Letters, o Man Booker internacional (2007) e a de doutor honoris causa de máis de trinta escolas e universidades, ademais do galardón ao mérito intelectual máis importante do seu país, o Nigerian National Merit.