Mesa redonda «Un modelo industrial para Galicia» con Melchor Fernández e Daniel Hermosilla

Data
Luns, 3 de novembro de 2025
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente
Compartir

O luns, 3 de novembro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha mesa redonda titulada «Un modelo industrial para Galicia», na que participarán Melchor Fernández, Doutor en Economía pola Universidade Autónoma de Barcelona, e Daniel Hermosilla, Director executivo do Grupo Rodiñas.

Melchor Fernández Fernández é Doutor en Economía pola Universidade Autónoma de Barcelona e Catedrático de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é director do Departamento de Fundamentos da Análise Económice e coordinador do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME). Ademais, é membro do Foro Económico de Galicia e do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago. Anteriormente, foi director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) dende novembro de 2005 a xaneiro de 2014. As súas investigacións desenvolvéronse arredor da avaliación de políticas socioeconómicas con modelos de equilibrio xeral, a planificación e avaliación de servizos sociosanitarios, a análise económica do mercado laboral e a avaliación do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago. Polas súas investigacións sobre o Camiño de Santiago, recibiu en 2021 o VIII premio de investigación en economía de Galicia “Valentín Paz Andrade” e en 2009 e 2021 obtivo o Premio Lluis Fina que concede a Asociación Española de Economía do Traballo.

Daniel Hermosilla Hermida é un profesional cunha sólida traxectoria no sector industrial galego, especializado como arquitecto técnico e centrado na industria de estruturas de formigón. Dende hai oito anos, desempeña o cargo de CEO do Grupo Rodiñas. Adicionalmente, ocupa a Vicepresidencia da Fundación Galicia Constrúe, o que destaca o seu compromiso co desenvolvemento e a promoción do sector da construción na rexión. O seu traballo distínguese pola súa capacidade de integrar conceptos propios do mundo artesanal e tradicional dentro das máis altas esixencias do sector da construción prefabricada actual. A súa valía profesional e a súa contribución social á arquitectura foron recoñecidas co premio «Arquitectura para un mundo mellor». Así mesmo, está recoñecido como un dos grandes expertos do tecido industrial galego, con traballos como «Galicia, distrito industrial», que escribiu xunto a Antón Baamonde, no que analizan e opinan acerca da coexistencia complementaria e diversa do tecido industrial galego dende un punto de vista construtivo e con vistas ao futuro.

Próximos eventos Ver axenda