Conferencia «Castelao, a forxa dun mito» de Henrique Monteagudo
- Data
- Luns, 17 de novembro de 2025
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala
O luns, 17 de novembro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia titulada «Castelao, a forxa dun mito», que estará impartida por Henrique Monteagudo, Presidente da Real Academia Galega.
Henrique Monteagudo é Catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela, investigador do Instituto da Lingua Galega (USC) e director da Cátedra Castelao da Universidade de Santiago de Compostela. Membro numerario da Real Academia Galega dende 2012, foi o seu secretario e o coordinador do Seminario de Sociolingüística; en marzo deste ano foi elixido Presidente da mesma. As súas principais áreas de traballo son a sociolingüística, a historia da lingua e a edición de textos. Foi profesor convidado de varias universidades en Portugal, o Reino Unido, os Estados Unidos, Brasil, Arxentina e Uruguai. A partir de 2003, foi codirector de Grial. Revista Galega de Cultura, e desde 2020 é o seu director. É autor, entre outras, das monografías Historia social da lingua galega (1999, 3º ed. 2023), Letras Primeiras. O foral do Burgo de Caldelas, os primordios da lírica trobadoresca e a emerxencia do galego escrito (2008), Facer país co idioma. Sentido da normalización lingüística (2012), O idioma galego baixo o franquismo (2021, 3ª ed. 2023), e Galiza mater, raíz anterga. Manuel Rodrigues Lapa na lingua e na cultura galegas (2024). Ademais, é autor ou coautor de varios volumes de estudo e informes sobre a situación da lingua galega, como o Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023 publicado pola RAG en 2024 e editor científico de diversas obras académicas, como A estandarización das linguas da Península ibérica. Procesos, problemas e novos horizontes (2024). Foi secretario e vicepresidente da Fundación Castelao entre 1995 e 2002. É o director da recentemente creada Cátedra Institucional Castelao da USC. Como estudoso deste autor, a súa tese de doutoramento Ideas e dabates sobre a língua (1916-1936). Castelao e a tradición galeguista (1995) aborda as ideas e prácticas lingüísticas do autor rianxeiro no seu contexto histórico. Igualmente, cómpre salientar a súa participación da edición crítica de Sempre en Galiza (1990, 2ª ed. no 2000), realizada por un equipo multidisciplinar, que foi promovida pola Universidade de Santiago e o Parlamento de Galicia. No volume Castelao: defensa e ilustración da lingua galega (2000) recolle varios traballos sobre a lingua e a obra literaria do autor. Con ocasión do 50 cabodano de Castelao, coordinou a publicación das Obras (2000), en oito volumes. No mesmo ano 2000 publicou unha biografía resumida do autor, que foi reeditada en versión revista e acrecentada, baixo o título Alfonso R. Castelao. A forxa dun mito (2021). En 2024 comisariou a exposición Castelao, de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza, inaugurada simultaneamente na Facultade de Filoloxía da USC e na Casa Galega da Cultura de Vigo, e que se expuxo en Bos Aires, no Museo Provincial de Lugo e mais en numerosos concellos de Galicia. Tamén acaba de dar ao prelo o volume Sempre en Galiza. Escolma posible (2025).