Presentación do poemario «Sereas afónicas» de Luísa Abad
- Data
- Mércores, 19 de novembro de 2025
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O mércores, 19 de novembro, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do poemario «Sereas afónicas» de Luísa Abad. No acto participarán:
Luísa Abad, Presidenta do Ateneo Atlántico de Vigo e autora do poemario
Antía Otero, escritora
Javier Romero, Director da Editorial Elvira
Pilar Sampedro, Directiva do Ateneo de Santiago
O acto rematará coa actuación do grupo Barahúnda, que interpretará un dos poemas da obra musicado por eles mesmos.
Sereas afónicas, dividido en cinco apartados, percorre a traxectoria dunha muller, de calquera muller contemporánea. Denuncia a violencia simbólica que se exerce sobre elas, as dificultades para rachar coa orde «natural» das cousas, o modelado social que fai que calquera rotura co establecido sexa penalizada, as dificultades para ser muller ademais de filla, nai, profesional, parella… Retrata a loita diaria contra a tiranía da beleza, contra a síndrome da impostora, a estafa do amor romántico… Reivindica igualdade nunha sociedade patriarcal que lles nega a voz ás mulleres. Trátase de pechar o círculo da vida aceptando as derrotas, sendo máis sabias, apoderadas desa voz persoal que sen renunciar aos saberes da tribo e a revalorización dos coidados, proxecte e cree un mundo con máis amplos horizontes.
Luísa Abad é mestra, asesora de educación infantil, divulgadora didáctica, especializada en coeducación, orientadora escolar e escritora. Iniciou os estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela, licenciándose en Pedagoxía na Universidade de Barcelona. Mestra de primaria en Galicia e Barcelona, exerceu como orientadora escolar a nivel de secundaria no CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo), onde participou nos programas europeos Leonardo da Vinci e Sócrates_Comenius, e no IES Menéndez Pidal (Zalaeta, A Coruña). Foi asesora de Educación Infantil e coeducadora no CEFORE (Centro de Formación do Profesorado) de Vigo. Na Universidade de Salamanca preparouse como Formadora de Formadores en Educación Infantil. Deseñou e implementou o apartado de coeducación no Plan de Formación do Profesorado de primeiro tramo de Educación Infantil das Galescolas. Foi compoñente durante 10 anos do Consello de Redacción da revista IN-Fancia, educar de 0 a 6 anos, editada pola Asociación de Rosa Sensat. En 2004 recibiu o premio da Consellería de Educación á innovación educativa polo traballo “Alertando da violencia de xénero”. Participou nos Programas da Televisión de Galicia Preescolar na casa e Nin máis nin menos. Tras unha vida dedicada á docencia, na súa xubilación continúa a impartir relatorios de educación afectivo-sexual e coeducación e a escribir poesía. Dende abril de 2023 é a presidenta do Ateneo Atlántico de Vigo, despois de catro anos como secretaria.