Debate sobre «Hermanos de alma» de David Diop

Data
Martes, 16 de decembro de 2025
Horario
17.30h
Lugar
Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
Compartir

O martes, 16 de decembro, ás 17.30h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Hermanos de alma de David Diop.

En Hermanos de alma o senegalés Alfa Ndiaye acaba combatendo co exército francés nas trincheiras da Primeira Guerra Mundial xunto ao seu amigo Mademba Diop. Cando Mademba, é ferido de gravidade, este pídelle a Alfa que o mate para evitar o sofremento. Tras a súa morte, Alfa decide vingalo, infiltrándose sixilosamente polas noites nas posicións inimigas para matar a un soldado ao azar coa mesma ferida coa que se desangrou Mademba e posteriormente cortarlle unha man para levala de trofeo. Ao principio os seus compañeiros admírano pero, mentres os combates se recrudecen e se produce algún motín sufocado sen contemplacións polos oficiais, comezan a circular rumores de que Alfa é un bruxo, un devorador de almas…

David Diop (París, 1966) medrou en Senegal e actualmente reside no sueste de Francia, onde é xefe do Departamento de Artes, Linguas e Literatura da Universidade de Pau. É especialista en literatura francesa do século XVIII e nas representacións europeas de África nos séculos XVII e XVIII. Hermanos de alma, a súa primeira novela, foi galardoada en 2018 cos premios Choix Goncourt de España, Goncourt des Lycéens e Patrimoines, e posteriormente co Globe de Cristal 2019 e o Premio Booker Internacional 2021.

Próximos eventos Ver axenda