Mesa redonda «Universidade e cidade», coas candidatas ao Reitorado da USC
- Data
- Luns, 12 de xaneiro de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Esta mesa redonda transmitirase en directo a través da páxina web do Ateneo www.ateneodesantiago.gal e a canle de Youtube Ateneo de Santiago
O luns, 12 de xaneiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela unha mesa redonda titulada «Universidade e cidade», na que participarán as candidatas ao Reitorado da USC Rosa María Crujeiras Casais, María Teresa Flores Arias, María José López Couso e Alba Nogueira López.
Rosa María Crujeiras Casais é catedrática da área de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Santiago. Licenciada en Matemáticas (2001), Diploma de Estudos Avanzados (2003) e Doutora en Estatística e Investigación Operativa (2007, desenvolveu os seus estudos na USC, realizando estadías predoutorais en Estados Unidos e o Reino Unido. Tras un período posdoutoral no recentemente creado Servizo de Consultoría Estatística na USC, obtén no ano 2008 outro contrato como investigadora posdoutoral na Universitè catholique de Louvain, en Bélxica. En xaneiro de 2009 retorna á USC como profesora interina de substitución, desenvolvendo a súa carreira académica nesta universidade. É Investigadora do grupo Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (MODESTYA) e Dende setembro de 2021 Directora Científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, CITMAga.
María Teresa Flores Arias é catedrática de Óptica e Doutora en Física pola USC, Profesora do Departamento de Física Aplicada e Vicepresidenta da Sociedad Española de Óptica. Coordinadora do grupo de investigación Photonics4Life da USC, as súas liñas de investigación céntranse no estudo dos medios de GRadiente de INdice (GRIN), a fabricación de microlentes e procesado de superficies con láser, a fabricación de guías de onda, os efectos non liñais, a xeración de fontes de luz ultracurtas e a fabricación con tecnoloxías fotónicas de dispositivos microfluídicos para a súa aplicación en oncoloxía e cardioloxía.
María José López Couso é licenciada en Filoloxía Xermánica (Inglés) e Catedrática de Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago. Desempeñou os cargos de vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional (2020-2022), decana da Facultade de Filoloxía (2012-2020), vicedecana (2008-2012), responsable académica de Mobilidade (2002-2004) e presidenta do Colexio de Decanos/as e Directores/as de Centro da USC (2014-2019).
Alba Nogueira López é catedrática de dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela e membro correspondente da Real Academia Galega dende 2012. Licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1991, ampliou estudos na Universidade Católica de Lovaina (1992-1993) realizando un Mestrado en Dereito Internacional e Europeo, e doutorouse en 1997. Especialista en Dereito Ambiental, intervención administrativa na economía e dereitos lingüísticos, é membro dende 2009 da Comisión de Lingua e Comunicación do Consello da Cultura Galega e forma parte do consello científico da revista catalá Llengua i Dret, da Revista Vasca de Administración Pública e da Revista Catalana de Dret Ambiental. É coordinadora da Rede de investigación en igualdade, dereitos e Estado social (Armela).