Conferencia «O Atlas Lingüístico Galego: 50 anos despois» de Francisco Fernández Rei
- Data
- Luns, 19 de xaneiro de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala
O luns, 19 de xaneiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia titulada «O Atlas Lingüístico Galego: 50 anos despois», que estará impartida por Francisco Fernández Rei, Catedrático emérito da USC e investigador do Instituto da Lingua Galega.
Francisco Fernández Rei é Catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, na que se doutorou en 1979 cunha tese sobre o verbo galego. Foi Director do Departamento de Filoloxía Galega e dirixe os Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia organizados pola RAG, o ILG e a SXPL da Xunta de Galicia. Foi profesor Visitante na Universidade de California (Santa Bárbara) e impartiu conferencias e seminarios en universidades europeas e americanas, ademais de ter participado con relatorios sobre problemas da lingua galega en xornadas e congresos internacionais. Investigador do Instituto da Lingua Galega dende 1974, forma parte do equipo redactor do Atlas Lingüístico Galego e dirixe o Arquivo do Galego Oral. É membro numerario da Real Academia Galega (1999), do Padroado da Fundación Sotelo Blanco e do Padroado do Museo do Pobo Galego, e conselleiro de honra do Consello d’a Fabla Aragonesa. Foi membro do Plenario do Consello da Cultura Galega e un dos fundadores de Escola Aberta e da Asociación de Tradutores Galegos, así como de Redes Escarlata e de ProLingua, plataforma en prol da defensa e promoción do galego. Dende a súa aparición en 1990, é cosecretario de A Trabe de Ouro, e membro do comité científico de diversas publicacións lingüísticas.