Proxección da película «Ons» de Alfonso Zarauza

Data
Martes, 13 de xaneiro de 2026
Horario
19.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

PROGRAMA II CICLO «CINEMA GALEGO DO SÉCULO XXI»

Compartir

O martes, 13 de xaneiro, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a proxección da película «Ons». Esta proxección, comprendida dentro do II Ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo, estará presentada e comentada polo seu director, Alfonso Zarauza.

Ons
Director: Alfonso Zarauza
2020, 87 minutos
Vicente e Mariña chegan para pasar o verán a Ons. El vén dun accidente e as súas consecuencias psicolóxicas e a viaxe debe ser un bálsamo para o seu matrimonio. A estadía alóngase a petición del e, a medida que os días se van volvendo borrascosos, segredos gardados comezan a aflorar.

Alfonso Zarauza (Santiago de Compostela, 1973) é un dos máis relevantes e experimentados autores do cinema galego contemporáneo destacando coma director, produtor e guionista. Conta con dez premios Mestre Mateo nestas tres disciplinas que avalan a súa traxectoria de trinta anos e foi premio de honra Cineuropa en 2020 e premio de honra no Festival de Cans 2025 polo conxunto de toda a súa obra. Dirixiu seis longametraxes, dúas series de tv e máis de vinte pezas experimentais polo que recibiu diversos premios internacionais entre os que destaca o premio ao mellor director en competencia internacional por La noche que dejó de llover en Viña del Mar (Chile) en 2008 ou o premio do xurado no Brussels Film Festival por Os Fenómenos en 2014. Entre os seus filmes principais destacan, ademais da súa ópera prima La noche que dejó de llover (2008), Encallados (2012), Os fenómenos (2013), A viaxe dos Chévere (2015) Ons (2020) ou Malencolía (2021). Recibiu tres Mestre Mateo como mellor director. Na actualidade está a preparar o seu novo filme Islandia. Como guionista, escribiu sete longametraxes xa filmadas e estreadas polas que recibiu o premio ao mellor guión en competencia internacional en Trieste en 2008 pola coprodución cubano/brasileira A ilha da morte de Wolney Oliveira. O premio en Os Ánxeles en 2006 no LALIFF (Los Angeles Latino Film Festival) por La noche que dejó de llover. Recibiu tamén o premio ao mellor guión de longametraxe no Festival Iberoamericano do Ceará en Fortaleza (Brasil) en 2014 por Os fenómenos e o Mestre Mateo ao mellor guión por La noche que dejó de llover, Os fenómenos e Ons. Como produtor, destaca por ter producido a ópera prima de Jaione Camborda Arima, estreada en San Sebastián, e os novos filmes de Ángel Santos Así chegou a noitee de Lois Patiño La nube del no saber, e a ópera prima de Ledicia Sola Nacente. Tamén destaca como produtor dos seus tres últimos filmes, Malencolía, Os fenómenos e Ons, polos que ten recibido os premios Mestre Mateo ao mellor filme. Con esta última película, recibiu tamén o premio ao mellor single drama no Celtic Media Festival en Glasgow no 2021.

Próximos eventos Ver axenda