Proxección da película «Arima» de Jaione Camborda
- Data
- Martes, 20 de xaneiro de 2026
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 20 de xaneiro, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a proxección da película «Arima». Esta proxección, comprendida dentro do II Ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo, estará presentada e comentada pola súa actriz protagonista, Melania Cruz.
Arima
Directora: Jaione Camborda
2019, 77 minutos
A vida de catro mulleres e unha nena vese alterada pola chegada inesperada de dous forasteiros. Un deles fuxe do outro, escondéndose pola localidade como un ser de dubidosa existencia. O outro, un home ferido e cunha arma, perturbará de diferentes formas o día a día das mulleres, nunha fronteira entre o real e o imaxinado, entre o pesadelo e o soño, entre o medo e o desexo, nunha historia impregnada de misterio.
Melania Cruz (Lugo, 1983) comezou dende nova facendo teatro de xeito afeccionado na súa cidade, e posteriormente obtivo o título en ensinanza superior pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. En 2009 comezou a súa relación coa compañía Escénate con catro espectáculos. En 2010 protagonizou xunto con Josito Porto a obra Ai, Carmela! e en 2013 participou en Los que no pudieron huir de 611 Teatro e mais nunha adaptación de Inventarios de Philippe Minyana baixo a dirección de Cristina Domínguez. En 2012 fundou xunto a catro compañeiros a compañía ilMaquinario Teatro estreando a súa primeira montaxe, O home almofada (dirixida por Tito Asorey) na que dá vida ao personaxe protagonista, Katurian. En 2014 estrearon Perplexo, espectáculo que consegue cinco Premios María Casares e polo que é nomeada ao premio de mellor actriz protagonista. En 2014 participou no filme A esmorga, dirixido por Ignacio Vilar, e en 2015 traballou como actriz secundaria nas series Urxencia cero e Serramoura. No ano 2016 gañou o premio María Casares á mellor actriz protagonista pola súa interpretación do personaxe de Lucía en Xardín suspenso, de Abel Neves, dirixida por Cándido Pazó no Centro Dramático Galego. En 2017 traballou nas series Fontealba e Viradeira. En 2018 recibiu o Premio Mestre Mateo á mellor actriz polo seu papel protagonista en Dhogs, baixo a dirección de Andrés Goteira, en 2019 gañou outro Mestre Mateo, esta vez o de actriz secundaria, polo seu traballo no filme Trote, ópera prima de Xacio Baño, en 2021 de novo o de mellor actriz protagonista por Ons, de Alfonso Zarauza, e en 2020 foi galardoada co Premio Cinema Galego do FICBUEU. En 2019 interpreta á comisaria Manuela Fortes na serie A estiba, da Televisión de Galicia, e fundou xunto a Tito Asorey a compañía A quinta do cuadrante, coa que levaron a escena O empapelado amarelo e gravaron as curtas A farsa das zocas e As mulleres do porvir e a ficción radiofónica La lindona de Galicia. En 2022 estreou Continente María, un espectáculo de teatro contemporáneo para divulgar a figura de María Casares.