Proxección da película «O corpo aberto» de Ánxeles Huerta
- Data
- Martes, 10 de febreiro de 2026
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O martes, 10 de febreiro, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a proxección da película «O corpo aberto». Esta proxección, comprendida dentro do II Ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo, estará presentada e comentada pola súa directora, Ánxeles Huerta.
O corpo aberto
Directora: Ánxeles Huerta
2022, 91 minutos
Baseada no relato «Lobosandaus», do libro Arraianos, de Xosé Luis Méndez Ferrín. En 1909 Miguel, un profesor novo, é destinado a un pequeno lugar de montaña na fronteira entre España e Portugal, Lobosandaus, unha aldea inhóspita e de tradicións ancestrais. É un mozo de razón pero non pode controlar os seus desexos paixonais e, conforme se achega o inverno, sente como a escuridade se apodera de todo ao seu arredor ao tempo que medra a súa fascinación pola enigmática Dorinda. Nun lugar dominado pola superstición, a estraña morte dun veciño libera a un espírito libre na busca dun corpo que lle permita seguir coa súa existencia, que levará a Miguel a cuestionar os límites entre o mundo dos vivos e os mortos.
Ánxeles Huerta (Gijón, 1974), Doutora en Literatura Comparada pola Universidade de Oviedo, pasa algúns anos ensinando idiomas e facendo curtas de forma autodidacta, antes de mudarse a Londres para estudar na Met Film School. Roda varias películas de tamaño medio cos seus alumnos de italiano coa idea de xogar cos grandes xéneros do cinema, como na película musical Amore ossoleto ou en Roma è troppo lontana. Na súa época londinense fai dúas curtametraxes, Normal people e The Fetch, unha comedia surrealista inspirada en El tercer policía de Flann O'Brien, estreada en máis de vinte festivais de cinema internacionais, incluído o Short Film Corner do Festival de Cannes. Estreouse como directora de longametraxes con Esquece Monelos, un documental creativo sobre as complexidades da memoria, co que obtén oito candidaturas aos Goya 2018 e é galardoada cos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao Mellor Documental, Mellor Dirección de Fotografía (Jaime Pérez) e Mellor Montaxe (Sandra Sánchez). O corpo aberto é a súa segunda longametraxe, un western gótico baseado nunha historia de Méndez Ferrín. Tamén colabora en proxectos de comunicación alternativa e en 2025 estreou no Festival de Cannes a súa terceira longametraxe, Antes de nós, centrada en dous momentos clave da relación entre Castelao e Virxinia Pereira.