Sesión especial de cine de Carlos Velo

Data
Martes, 3 de marzo de 2026
Horario
19.00h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso libre ata completar a capacidade da sala

PROGRAMA II CICLO «CINEMA GALEGO DO SÉCULO XXI»

Compartir

O martes, 3 de marzo, ás 19.00h na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, o Ateneo de Santiago pecha o II Ciclo «Cinema galego do século XXI» do Cineclub Ateneo cunha sesión especial adicada ao cineasta Carlos Velo, onde se proxectará a película «Raíces», a cal estará presentada e comentada por Armando González, Directivo da Fundación Carlos Velo, e José Manuel González Herrán, Catedrático de Literatura Española e Profesor emérito da USC.

Raíces
Director: Benito Alazraki
Guión: Carlos Velo, Benito Alazraki, Manuel Barbachano Ponce, Elena Urrutia, Jomí García Ascot e Fernando Espejo
1953, 103 minutos
O val do Mezquital, a rexión chamula de Chiapas, unha localidade da península do Yucatán e o Tajín, no estado de Veracruz, son os escenarios de catro enfrontamentos entre a civilización moderna e o mundo indíxena tradicional: en "Las vacas", un humilde matrimonio otomí sofre coa súa filla neonata os rigores da seca; "Nuestra señora" narra, con toques de ironía, os esforzos dunha antropóloga estadounidense por comprender os costumes chamulas; en "El tuerto", un rapaz pide un milagre para que os outros nenos non se burlen del; e en "La potranca", un antropólogo pretende comprar a unha rapaza indíxena.

Carlos Velo naceu na vila ourensá de Cartelle e marcha a Madrid para facerse biólogo. Cofunda en 1933 o cineclub da (F.U.E) e participa nas Misiones Pedagógicas da ILE. En 1934 comeza a súa andaina como autor de curtametraxes documentais. Nese ano filma La ciudad y el campo e, ao ano seguinte, Felipe II y El Escorial, Tarragona (Tarraco Augusta), pero sobre todo o experimental Infinitos e Almadrabas. Xa en 1936 fará a súa obra mestra Galicia, que recibe un premio na Exposición Internacional de París de 1937 cun xurado presidido por Buñuel. Deixa España en febreiro de 1938 e ata novembro filmará no norte de África a longametraxe documental de ton antropolóxico Romancero marroquí. No exilio mexicano recuperará o cine como eixo vital, tras impartir clases de bioloxía no Instituto Politécnico Nacional e na Universidade. Volve ao cine en 1944 e gaña como coguionista un premio Ariel por Entre hermanos. En 1946 asume a dirección do Noticiero Mexicano Ema, no que estará ata 1953. Un ano antes coñece ao produtor independente Manuel Barbachano, quen lle propón a Velo o semanario Tele-Revista e máis tarde fai o cultural Cine-Verdad, un proxecto que entusiasma ao realizador galego. Poñen en marcha Raíces, que Velo non poderá filmar pola oposición do Sindicato da Producción Cinematográfica e aparecerá asinada por Benito Alazraki. A película recibe un importante premio en Cannes. En 1956 dirixe a súa primeira longametraxe arredor do espada Luis Procuna. Trátase de Torero, presentada en Cannes e Venecia cos parabéns de críticos como Sadoul e Truffaut, ao tempo que lle daría sona internacional, recibindo numerosos galardóns, entre eles unha preselección para o Óscar. Traballa en Nazarín (L. Buñuel) e Sonatas (Bardem), mentres prepara o seu seguinte proxecto, a ficción de Pedro Páramo. Volve ao documental e traballa para o sexenio do presidente Echevarría, dirixindo en 1971 o Centro de Producción de Cortometraje, onde impulsará unha renovación do cine azteca. En 1972 funda o Centro de Capacitación Cinematográfica. Segue a facer documentais, como Universidad comprometida e Homenaje a León Felipe. En 1976, a Filmoteca Española faille unha homenaxe. O mesmo ocorre co Círculo de Escritores Cinematográficos. Ao ano seguinte, as V Xornadas de Cine de Ourense promoven unha primeira homenaxe galega a prol do intelectual de Cartelle, que reivindica un cinema propio para Galicia. En 1982 o Ministerio de Cultura encárgalle a serie Los españoles republicanos en el exilio para acompañar unha exposición presentada en Madrid arredor do tema. Coa presidencia de De la Madrid, Velo reincorpórase novamente á vida institucional mexicana. En 1984 noméano subdirector de medios audiovisuais no Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología, que el mesmo axudara a fundar. No seu último período vital, aínda recibirá novos recoñecementos dende Galicia, como o premio Mestre Mateo da Xunta de Galicia en 1983 e a homenaxe en 1985 nas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia, Xociviga, celebradas no Carballiño. Sen deixar de traballar no audiovisual, en 1987 pasa por varias operacións cirúrxicas para aliviar un cancro que finalmente o leva á morte o 1 de marzo de 1988.

Próximos eventos Ver axenda