Presentación do libro «As bocas cosidas» de Marilar Aleixandre
- Data
- Mércores, 28 de xaneiro de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O mércores, 28 de xaneiro, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, a presentación do libro «As bocas cosidas» de Marilar Aleixandre. No acto participarán:
Marilar Aleixandre, autora da obra
Dolores Vilavedra, Catedrática de Literatura Galega da USC
Pilar Sampedro, Directiva do Ateneo de Santiago
AS BOCAS COSIDAS
En xaneiro de 2010 o pai da autora conta que lle pediron saliva para identificar un seu curmán, soterrado nunha fosa común en Valencia. Guerrilleiro comunista, morto en 1947. Nunca lles falaran del; descoñecían a súa existencia. Sobre a guerra, as bocas estaban cosidas. A partir destes silencios, a novela reconstrúe a vida de Antonio G., seguindo os seus pasos na familia, “desbridando a cicatriz”, a través da documentación e mediante a imaxinación, desde a adolescencia en Doña Mencía (Córdoba), á participación nos Fillos da Noite ¬—partisanos entre 1936 e 1939—, aos campos de concentración e á guerra despois da guerra. As feridas herdadas entretécense coas colectivas, as penurias dos xornaleiros, a fame, a represión. Unha obra onde a prosa de Marilar Aleixandre, co seu lirismo contido, ten a capacidade de dar voz aos ecos do pasado, nunha atmosfera impregnada do peso do silencio e da memoria.
MARILAR ALEIXANDRE (Madrid, 1947)
É feminista, narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega dende 2017. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega. O seu labor académico na Universidade de Santiago de Compostela, centrouse na argumentación e no pensamento crítico. Entre as súas obras destacan Mudanzas e outros velenos (2017), que reúne parte da súa obra poética; A filla do minotauro (2018), Premio Raíña Lupa; A Compañía Clandestina de Contrapublicidade (1998), Premio Álvaro Cunqueiro; e As malas mulleres (2021), Premio Blanco Amor, coa que recibiu o Premio Nacional de Narrativa 2022.
