Conferencia «De Mendel aos grandes proxectos xenómicos: Proxecto Xenoma Galicia» de Ángel Carracedo

Data
Luns, 2 de febreiro de 2026
Horario
19.30h
Lugar
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
Máis información

Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala.

Ciencia, Tecnoloxía e Medio Ambiente
Compartir

O luns, 2 de febreiro, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia titulada «De Mendel aos grandes proxectos xenómicos: Proxecto Xenoma Galicia», que estará impartida por Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal da USC e experto internacional en xenética.

Ángel Carracedo Álvarez, Catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago (USC) dende 1990, é dende 1998 Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-Xunta de Galicia), centro onde se centraliza o diagnóstico xenético de Galicia con máis de 40.000 pacientes por ano e o de maior volume de España. O grupo que dirixe (Medicina Xenómica) consta de 8 grupos de investigación e varias plataformas tecnolóxicas. Tamén dirixe o Grupo de Xenómica do CIMUS, a área de Xenómica e Bioloxía de Sistemas do IDIS, o Grupo de Xenómica traslacional do CIBERER e o Centro Nacional de Xenotipado (CEGEN) e é Presidente e co-director científico da Fundación Kaertor (para a busca precoz de fármacos), Presidente da Fundación INGADA (sobre atención e estudo do TDAH e trastornos asociados) e doutras fundacións e asociacións sen ánimo de lucro. Ten publicados 12 libros e máis de 900 artigos en revistas internacionais, incluíndo numerosos artigos en Nature, Science, Cell e Nature Genetics, ademais das principais revistas de xenética médica, cancro e medicina forense (Google Scholar Angel Carracedo). As súas principais liñas de investigación actuais inclúen a xenética dos trastornos psiquiátricos, as enfermidades mendelianas, a farmacoxenómica e a medicina personalizada. Director do Programa IMPacT Xenómica, os seus traballos reciben actualmente unha media de arredor de 6.000 citacións por ano (H-Index 115). Impartiu máis de 3.500 conferencias invitadas (en máis de 70 países) e máis de 1.000 charlas divulgativas e dirixiu máis de 100 teses doutorais. Membro do board de sociedades científicas nacionais e internacionais de Xenética, farmacoxenómica, cancro e Medicina forense, participou ou participa en organismos reguladores e axencias (Axencia Europea do Medicamento -EMA, Forensic DNA Regulator UK, CNUFADN, Comité da Cruz Vermella Internacional, Consorcio Internacional de Enfermidades raras –IRDiRC,  Comité forense do Tribunal Penal Internacional da Haia, etc). Tamén é membro do consello asesor de numerosos centros de investigación nacionais e internacionais e departamentos ministeriais, Presidente da International Academy of Legal Medicine, Ex-Presidente da International Society for Forensic Genetics, Ex-Director do Instituto de Ciencias forenses da USC, editor xefe de Forensic Science International Genetics (a revista de máis impacto na área de Medicina legal), Académico das Reais Academias de Ciencias, Farmacia e Medicina de Galicia, Académico de Honra da Real Academia de Medicina de Cantabria, académico correspondente de varias academias a nivel nacional e internacional e membro do Consello da Cultura Galega e do Alto Consello Consultivo da Generalitat de Valencia, onde preside a sección de Sanidade. Recibiu numerosos premios entre os que destacan o Premio Rey Jaime I de investigación, Adelaide Medal (a distinción máis importante do mundo forense a nivel mundial), Galien Medal (coñecida como o Premio Nobel do Medicamento), Medalla de Ouro e Prata de Galicia, Premio Nacional de Xenética, Cruz ao Mérito Policial, Cruz ao Mérito da Garda Civil, Medalla de Ouro e brillantes do Colexio Médico, Premio Fernández  Latorre, Premio Prismas de Divulgación, Premio Galicia de Investigación, Medalla Castelao, Premio Novoa Santos, Premio Otero Pedrayo, Zendal Award, Premio FEDER e Premio Aelmhu, entre outros moitos. É Doutor Honoris Causa por oito universidades de Europa e América e membro de varias Academias a nivel nacional e internacional.

Próximos eventos Ver axenda