Conferencia «Ramón Otero Pedrayo. Memoria de todas as cousas» de Víctor F. Freixanes
- Data
- Luns, 2 de marzo de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Esta conferencia transmitirase en directo a través da páxina web do Ateneo www.ateneodesantiago.gal e a canle de Youtube Ateneo de Santiago
O luns, 2 de marzo, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia para conmemorar o Ano Oteriano, titulada «Ramón Otero Pedrayo. Memoria de todas as cousas», que estará impartida por Víctor F. Freixanes, Presidente de Honra da Fundación Otero Pedrayo e membro da Real Academia Galega.
Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) é escritor, editor, xornalista e profesor ad honorem do departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, institución na que se doutorou en Filoloxía Románica en 1998. É catedrático (en excedencia) de Lingua e Literatura Galega de educación secundaria. Foi director xeral da editorial Galaxia entre 2002 e 2016 e codirector da revista Grial (Revista Galega de Cultura). Con anterioridade, foi director xeral de Edicións Xerais de Galicia (1988-1993), director xeral de edicións do Grupo Anaya e director de Alianza Editorial S.A (1994-1998). Presidiu a Fundación Otero Pedrayo (2005-2017), da que é na actualidade presidente de honra, e é membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega. Foi membro do Padroado da Fundación Germán Sánchez Ruipérez e nesta condición participou na creación da Casa del Lector (Madrid, 2010). En 2004 ingresou na Real Academia Galega, onde ocupou o cargo de Presidente dende 2017 ata 2025. Entre outros recoñecementos, recibiu o o Premio de Narracións Curtas Modesto Figueiredo por A caza das cascudas; o Premio Blanco Amor de novela, o Premio da Crítica de narrativa galega e o Premio da Asociación de Críticos de España nesta modalidade por O triángulo inscrito na circunferencia; o Premio da Crítica Galega e o Premio da Asociación de Críticos de España por O enxoval da noiva; o Premio Gonzalo Torrente Ballester por A cidade dos césares, o Premio Fernández Latorre de Xornalismo (2002) e o Premio da Federación de Libreiros de Galicia ao Autor do Ano por Cabalo de ouros, obra coa que volveu gañar o Premio da Crítica da Asociación de Críticos de España na especialidade de narrativa galega. No ano 2025 recibiu a medalla Castelao que outorga a Xunta de Galicia. Como xornalista foi cofundador de Teima (1976), primeira revista de información xeral en lingua galega despois da ditadura de Franco, e redactor entre 1974 e 1980 de Radio Popular de Vigo, onde activou a presenza do idioma galego no medio radiofónico. Nesa mesma época foi correspondente do xornal madrileño Informaciones para Galicia e norte de Portugal. Entre 1985 e 1986 dirixiu o programa de TVG "A trabe de ouro", centrado na difusión do mundo do libro e a literatura. Como ensaísta e director de liñas de investigación, a súa actividade céntrase preferentemente no ámbito da comunicación e as industrias culturais. Colaborador habitual na prensa con columnas de opinión, foi profesor e conferenciante invitado en varias universidades estranxeiras e relator de seminarios arredor da edición en feiras internacionais con atención especial ás novas tecnoloxías.