Conferencia «Seguridade e salubridade dos produtos do mar» de Covadonga Salgado
- Data
- Luns, 16 de marzo de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Esta conferencia transmitirase en directo a través da páxina web do Ateneo www.ateneodesantiago.gal e a canle de Youtube Ateneo de Santiago
O luns, 16 de marzo, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia titulada «Seguridade e salubridade dos produtos do mar», que estará impartida por Covadonga Salgado, Directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (INTECMAR).
En Galicia, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, coñecido popularmente polo seu acrónimo, INTECMAR é o organismo oficial con competencias, entre outras, no control da calidade do medio mariño e da aplicación da lexislación de control técnico-sanitario dos produtos do mar, no seguimento e control das patoloxías que afectan aos moluscos bivalvos, e na observación do océano e loita contra a contaminación mariña accidental. O seu traballo sitúa a Galicia á vangarda a nivel nacional e internacional, sendo un centro clave para a economía das zonas costeiras e, particularmente para o marisqueo e a acuicultura, pois permite comercializar con todas as garantías hixiénico-sanitarias os moluscos producidos en Galicia e manter a súa boa reputación.
Covadonga Salgado Blanco é Doutora en Ciencias Químicas e Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela. Na súa etapa de formación académica fixo unha estancia predoutoral na Universidade de Berkeley (EE. UU.), baixo a dirección do profesor Henry Rapoport durante 6 meses. Tamén é Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais (especialidades de seguridade no traballo, ergonomía e psicosocioloxía aplicada e hixiene industrial) e, dende o ano 2003, funcionaria do Corpo Facultativo Superior da Escala de Químicos da Xunta de Galicia. Ao longo da súa vida laboral desenvolvida na administración pública pasou por diferentes postos como profesora técnica de Formación Profesional (Consellería de Educación), titulada superior na campaña de salubridade de moluscos (Consellería de Sanidade), xefa da unidade de Biotoxinas Mariñas (Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura), Responsable Técnica de análises de bebidas no Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia (Consellería de Política Agroalimentaria) e xefa de sección de hixiene analítica no Centro de Seguridade e Saúde Laboral de Rande (Consellería de Traballo). Dende abril de 2009 é directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), centro ao que ten dedicado máis de 25 anos da súa vida profesional e que dende setembro de 2021 foi designado pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria como Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Mariñas. Participante en importantes proxectos de investigación sobre toxinas mariñas e autora de numerosas publicacións científicas, tamén ten actuado como Auditora Técnica de laboratorios, a requirimento da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), e participado como experta nacional en 17 inspeccións da antes denominada Oficina Veterinaria Alimentaria da Unión Europea (FVO), hoxe SANTE Unit F a países tan dispares coma Nova Zelandia, Islandia, China, Mauritania ou Perú, entre outros. Como experta europea en hixiene e controis de moluscos bivalvos vivos, ten participado como titora e/ou coordinadora en 15 seminarios do programa europeo “Better Training for a Safer Food” sendo tamén requirida a súa participación en grupos de traballo da Comisión Europea e consultarías da FAO como experta en moluscos bivalvos.