Conferencia «Entre o éxito e o desgaste: realidade e retos do sistema de saúde español» de Eva Rodríguez Míguez
- Data
- Luns, 4 de maio de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso exclusivo para ateneístas ata as 19.20h. A partir desa hora acceso libre ata completar a capacidade da sala.
Esta conferencia transmitirase en directo a través da páxina web do Ateneo www.ateneodesantiago.gal e a canle de Youtube Ateneo de Santiago
O luns, 4 de maio, ás 19.30h o Ateneo de Santiago ten programada na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, unha conferencia titulada «Entre o éxito e o desgaste: realidade e retos do sistema de saúde español», que estará impartida por Eva Rodríguez Míguez, Catedrática de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.
Eva Rodríguez Míguez é Catedrática do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e Doutora en Economía pola Universidade Complutense de Madrid. Actualmente é investigadora do centro de investigación ECOBAS e codirixe o grupo interdisciplinar Calidad de Vida y Economía de la Salud (QoLE) do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur. Participou en máis de 25 proxectos con institucións públicas e privadas e a súa investigación foi publicada en libros e revistas de alto impacto, principalmente no ámbito internacional. Obtivo diferentes premios entre os que destaca o da Asociación de Economía de la Salud ao mellor artigo de Economía da saúde, cuxo obxectivo é recoñecer a excelencia investigadora neste campo. As súas principais liñas de investigación enmárcanse no campo da Economía da Saúde e a Economía Experimental, destacando as súas investigacións na medición da calidade de vida relacionada coa saúde. Os seus traballos son de interese, tanto dende un punto de vista metodolóxico (deseñando novos indicadores de saúde), como aplicado (colaborando na aplicación de conceptos económicos á investigación biomédica). Tamén traballou en temas relacionados coa priorización de pacientes, ponderacións de equidade na análise custo-efectividade, estudos do custo social da enfermidade, medición da dependencia e medición da calidade de vida no ámbito das drogadicións. A súa investigación máis recente enfocouse na medición dos custos da soidade non desexada e a validación para España do instrumento ASCOT destinado a valorar a calidade dos coidados recibidos por persoas dependentes.