Presentación do Premio Altaïr de Literatura de Viaxes «El mundo desde abajo. La odisea australiana de Rosendo Salvado» de Valentín Carrera
- Data
- Mércores, 6 de maio de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O mércores, 6 de maio, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago ten programada no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo (Praza de Salvador Parga, 4-2º, Santiago de Compostela) a presentación do Premio Altaïr de Literatura de Viaxes «El mundo desde abajo. La odisea australiana de Rosendo Salvado» de Valentín Carrera. No acto o autor conversará con Patricia Peña Gil e José Manuel González Herrán.
El mundo desde abajo, Premio Altaïr de Literatura de Viaxes, editado por Folch i Folch, relata a viaxe iniciática do misioneiro beneditino galego Frei Rosendo Salvado dende Roma ata Australia Occidental, onde en 1846 funda a misión de New Norcia, que perdura ata os nosos días. Rosendo foi organista, pianista, contemporáneo de Liszt; navegante dos mares Mediterráneo, Atlántico e Índico, cuxa vida atravesa todo o século XIX; amigo dos yued e os noongar, defensor dos dereitos humanos e da igualdade da muller; abolicionista da escravitude; un humanista que anticipa en dous séculos a globalización. Valentín Carrera viaxa con Salvado, cruza con el os océanos a bordo da fragata Elizabeth e métese na pel do misioneiro para construír este texto único, un exercicio literario sorprendente, unha mirada crítica e sensible: un acto de empatía e reflexión que convida a comprender o mundo —ancho e alleo— e de volta, entender mellor a nosa propia realidade. A documentación manexada polo autor inclúe o relato do propio Salvado no seu libro Memorias de la Australia, os diarios escritos dende 1844 a 1847 e parte da correspondencia —escribiu máis de 30.000 cartas na súa vida—: un millón de palabras que se conservan no Arquivo da abadía de New Norcia e son a preciosa fonte da memoria que inspira o relato de El mundo desde abajo.
Valentín Carrera (Ponferrada, 1958), é escritor e xornalista, viaxeiro, especializado en Romanticismo, ecoloxía, cambio climático e a Antártida, onde viviu durante máis de oito meses como cronista de dúas expedicións científicas cuxa crónica relata en Antártida (Ediciones del Viento). Apaixonado do Romanticismo e as humanidades dixitais, editou as Obras Completas do escritor romántico Enrique Gil y Carrasco e preside a Fundación Biblioteca Enrique Gil, que impulsa o proxecto Casa Gil Jardín Romántico do Bierzo. Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago e Doutor en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, obtivo o Premio Francisco de Cossío de Periodismo 1989, o Premio Blanco Amor de Novela 1990 e o Premio Galicia de Comunicación 1991. Publicou máis de vinte libros de viaxes e ensaios —Viaje al fin de los mundos, El Viaje del Vierzo, Riosil, Mayo iraní— e dirixiu douscentos documentais e coproducións internacionais como Linatakalam, auspiciada pola Alianza de Civilizacións. A rodaxe da serie documental Rosendo Salvado. Aventura y misión de un gallego en Australia puxo a semente do Primeiro Premio Altaı̈r de Literatura de Viaxes, El mundo desde abajo.