V PREMIO ATENEO CINEDUCA
- Data
- Martes, 5 de maio de 2026
- Horario
- 19.00h
- Lugar
- Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade
O martes, 5 de maio, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programado na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela o acto de clausura da V Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), que incluirá a entrega do V PREMIO ATENEO CINEDUCA e a proxección das seguintes curtametraxes seleccionadas entre as obras presentadas polos centros educativos:
- «Caer na conta» do CEIP Plurilingüe de Tenorio (Cerdedo Cotobade)
- «A palabra que se perdeu» do Colexio Franciscanos de Lugo
- «Zona de Respecto: En obras» do CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago de Compostela
O acto rematará cunha actuación do Coro Asubío.
Caer na conta, titorizada polo profesor José Alberto Portela García e elaborado por alumnos de 6º de primaria, conta as experiencias persoais vividas por un neno no tránsito ao instituto, que lle afectan por non poder atender todo o que muda ao seu arredor.
A palabra que se perdeu está realizada por alumnos de 6º de primaria, titorizados polo mestre Ginés Vázquez Seijas. Cando as palabras comezan a desaparecer misteriosamente, un grupo de nenos inicia unha viaxe inesperada ao pasado para descubrir a súa orixe. No camiño atopan a figura de Álvaro Cunqueiro e o universo máxico de Merlín e familia, comprendendo que a literatura garda aquilo que o tempo tenta borrar. Unha historia sobre memoria, identidade e o poder das palabras.
Zona de Respecto: En obras está elaborada por alumnado de 3º e 4º da primaria, titorizados polas docentes Gema Sueiras Cal e Alba Recarei Noya. Nesta peza un grupo de alumnos/as decide converter o recreo nun laboratorio social. A través da observación, descobren como o espazo central é ocupado case exclusivamente por actividades competitivas, mentres que nas marxes quedan o coidado e o xogo cooperativo. O documental amosa a transformación do patio cara a un espazo de igualdade e respecto, onde a comunidade escolar redefine as súas regras para que ninguén quede fóra.