Roteiro polo Parque de Vista Alegre (Finca Simeón)

Data
Venres, 22 de maio de 2026
Horario
11.00h
Lugar
Parque de Vista Alegre
Máis información

Unicamente se rexistrarán as inscricións a través do enderezo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal (non se rexistrará ningunha inscrición por teléfono, whatsapp ou outros medios que non sexa o indicado). A data límite para anotarse é o xoves, 14 de maio, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude.

Ateneo Viaxeiro
Compartir

O venres, 22 de maio, ás 11.00h o Ateneo de Santiago realizará un roteiro polo Parque de Vista Alegre (Finca Simeón), que estará guiado pola historiadora Encarna Otero. O percorrido comezará na Casa Europa cun café, para logo seguir percorrendo o agradable xardín e desfrutando do mesmo e dos comentarios.

As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal ata o xoves, 14 de maio, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. No caso de inscribirse máis persoas que prazas dispoñibles, as admisións realizaranse mediante un sorteo, que se levará a cabo o luns, 18 de maio, ás 12h no local social do Ateneo, tendo preferencia de admisión os/as ateneístas. 

O Parque de Vista Alegre, antiga Finca Simeón, está situado a moi pouca distancia do centro histórico, no barrio de Vista Alegre. É resultado dun xardín privado, a antiga finca da familia Simeón, adquirida a outro propietario a principios do século XX e do que hoxe se conserva a casa principal (de estilo colonial), un hórreo e un cruceiro, ademais dunha gran variedade de árbores e plantas. En 1995 a finca foi adquirida polo Consorcio da Cidade co obxectivo da súa rehabilitación e hoxe constitúe o chamado Parque de Vista Alegre. O Parque naceu no ano 1999 a partir do proxecto asinado polo paisaxista Arata Isozaki e polo arquitecto César Portela, que trataron de respectar a esencia dun agradable xardín pechado, hoxe atravesado por un camiño moi transitado ao comunicar dous puntos da zona. Na actualidade, no xardín habilitáronse diversos edificios institucionais como é a Casa de Europa da Universidade de Santiago, o Centro de Estudos Avanzados da USC, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Museo de Historia Natural Luís Iglesias e a sede da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE).

Próximos eventos Ver axenda