Presentación do libro «Entre hienas» de Loreto Urraca Luque
- Data
- Mércores, 20 de maio de 2026
- Horario
- 19.30h
- Lugar
- Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago
- Máis información
Acceso libre ata completar a capacidade da sala
O mércores, 20 de maio, ás 19.30h, o Ateneo de Santiago ten programada no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo (Praza de Salvador Parga, 4-2º, Santiago de Compostela) a presentación do libro «Entre hienas» de Loreto Urraca Luque, que estará acompañada por Maricarmen Sánchez, Historiadora da Arte e Directiva do Ateneo de Santiago.
Entre hienas é unha indagación biográfica baseada en documentos inéditos, cartas e diarios, onde a autora desvela o alcance da colaboración entre os franquistas, os nazis e a Policía do réxime de Vichy, trazando a peripecia existencial do seu avó, Pedro Urraca Rendueles, escuro policía franquista condenado a morte en rebeldía en Francia (1948) por connivencia co inimigo durante a ocupación. Fuxido a Bélxica, seguiu traballando para o Estado español ata 1982. Descubrimos tamén a historia de Antoinette Sachs, xudía, pintora e amante de Jean Moulin, en cuxa vida se cruzou Urraca, algo que puido ter selado o destino tráxico do heroe da Resistencia Francesa. Son tamén protagonistas os republicanos españois, os xudeus e os resistentes, vítimas da opresión do totalitarismo. Neste libro revélanse por vez primeira detalles da entrega de Lluís Companys ao réxime de Franco ao tempo que se presenta unha tese diferente sobre o que orixinou a captura do xefe da Resistencia, Jean Moulin. Unha obra a cabalo entre a ficción e a Historia, que permite afondar na figura de Pedro Urraca.
Loreto Urraca Luque (Madrid, 1964) é Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense. Os azares laborais levárona a vivir no estranxeiro durante a súa xuventude. En 2008 descubriu pola prensa a verdadeira identidade dun avó apenas coñecido. Dende entón, seguindo as pegadas do encargado de vixiar, perseguir e deter aos republicanos exiliados en Francia, investigou a faceta máis escura do primeiro franquismo e a súa implicación na Segunda Guerra Mundial. En 2013 abreu a páxina web www.pedrourraca.info Pedro Urraca: Los ojos de Franco en Francia, para recompilar e compartir datos sobre as persoas mencionadas nos informes que o policía Pedro Urraca enviaba dende París. É a persoal contribución dun descendente de franquistas á recuperación da memoria histórica e ao restablecemento da dignidade dos exiliados. Coa súa primeira novela, Entre hienas, a autora aspira a divulgar esa parte da historia de España que deliberadamente se ocultara. Tamén pretende espertar o interese dos investigadores pola escurridiza traxectoria do axente Urraca na rede de espionaxe Operación Gladio, dende o seu inicio en 1946.