Debate sobre «Tal como existimos» de Kaoutar Harchi

Data
Martes, 3 de novembro de 2026
Horario
17.30h
Lugar
Biblioteca do Ateneo de Santiago
Compartir

O martes, 3 de novembro, ás 17.30h na Biblioteca do Ateneo de Santiago (Pr. Salvador Parga, 4, 2º) terá lugar unha nova sesión do Club de Lectura, onde se comentará a obra Tal como existimos de Kaoutar Harchi.

Tal como existimos, autobiografía da autora, é un dos libros máis debatidos do momento, onde o amor paterno-filial e o espertar da conciencia política acompañan a infancia e adolescencia dunha rapaza de orixe inmigrante. Harchi é profesora e investigadora en socioloxía e admiradora dos seus predecesores nunha escritura eminentemente francesa que desdebuxa a fronteira entre literatura e socioloxía: Didier Eribon, Annie Ernaux e Édouard Louis. Con todo, este proxecto difire do dos seus predecesores socioliterarios, resaltando cuestións como o racismo, a radicalización do Estado, o compromiso da literatura, o poscolonialismo, a violencia contra as minorías, ás veces invisible e silenciada, e o papel crecente das mulleres na loita social.  

Kaoutar Harchi (Estrasburgo, Francia, 1987) medrou en Estrasburgo con pais obreiros de orixe marroquí. Alí realizou estudos de secundaria nun colexio católico privado, cuxa experiencia resulta central en Tal como existimos. A lectura do sociólogo alxeriano Abdelmalek Sayad, e en particular os seus libros sobre a inmigración, considerada «un feito social total», conducírona a estudar Socioloxía e a doutorarse cunha tese sobre os escritores alxerianos de expresión francesa Kamel Daoud, Rachid Boudjedra, Boualem Sansal, Kateb Yacine e Assia Djebar, publicada en 2016 baixo o título «Só teño unha lingua e non é a miña». Anteriormente, aos 23 anos xa publicara a súa primeira novela, Zone cinglée, seguida de L’Ampleur du saccage (2011) e À l’origine notre père obscure (2014). En 2024 publicou con Joseph Andras Littérature et Révolution. Despois de Tal como existimos, Kaoutar Harchi declara terse afastado da ficción, como revelan os seus artigos de socioloxía sobre cultura, xénero, migracións e etnozooloxía recollidos en Sociologie de l’Art, Hommes et migrations, Cahiers du Genre, Sociétés contemporaines, Ballast, Frustration Magazine, L’Humanité... No seu último libro, Ainsi l’animal et nous, plasma as súas reflexións sobre a relación dos humanos co mundo animal.

Próximos eventos Ver axenda