Hemeroteca

Pilar Sampedro: Unha activista en busca e captura da cultura

Colabora con múltiples asociacións e promove campañas para axudar á divulgación de artistas galegos

Compartir

O acceso á educación é un dereito fundamental que fixo que aprender sexa unha actividade indispensable, pero tamén un privilexio que, non debe esquecerse, non tivo -ni ten- todo o mundo. Hai anos só podía estudar unha minoría que co esforzo e traballo da familia era quen de pagalo. É o caso de Pilar Sampedro (Queiruga, 1955), a primeira muller da súa familia en chegar á universidade e da súa aldea en ter unha carreira. De pai mariñeiro e nai labradora, Sampedro naceu no rural, onde era, se cabe, máis difícil ter esta oportunidade: «No ano que eu entrei eramos tres persoas. Eu, que fixen Maxisterio, e dous homes que estudaron Náutica. Hoxe en día non valoramos o luxo que é que poida estudar todo o mundo».

Optar pola ensinanza foi algo que tivo claro dende que se decatou do moito que lle gustaba aprender: «Na primeira impresión non me gustaba un tema, pero cando chegaba ó exame botaba de menos ter máis tempo para seguir formándome niso». Quería axudar a espertar noutros rapaces o mesmo sentimento, pois afirma sen ningunha dúbida, que para poder ensinar che ten que gustar aprender.

 

Unha educación diferente

Sampedro móstrase firme cando asegura: «A responsabilidade que o profesorado ten co alumnado é enorme». Isto levouna a traballar tamén cos docentes. Comezou a dar clase no Centro de Formación do Profesorado para compartir con eles a súa paixón pola ensinanza: «Un mestre non pode deixar de formarse. A aprendizaxe ten que ser continua». Polo mesmo motivo empezou a crear os seus primeiros proxectos de divulgación social e cultural, como Arte en marcha.

Na última etapa da súa carreira laboral deu un paso máis e especializouse en bibliotecas escolares: «O profesorado ten que estar comprometido para levar a educación e a cultura aos pequenos».

A súa xeración creou, explica, movementos de renovación pedagóxica que pretendían mudar a maneira de ensinar: «Buscabamos unha instrución significativa. A rapazada aprende aquilo que lle interesa, e haille que dar coñecementos de maneira que esperten neles este afecto. Conectar a escola co mundo».

Sampedro é unha muller chea de ganas de compartir. Aos seus 65 anos segue poñendo cada día o seu gran de area para impulsar a cultura. Coopera con tantas asociacións que xa non é quen de numeralas: «Non quero colaborar con entidades que se limitan a que lle pagues unha cota. Gústame axudar e ser eficaz».

Esta activista da cultura é unha esponxa de coñecementos incapaz de pasar por un lugar sen empaparse da súa historia. «Participo e involúcrome para devolverlle aos lugares un pouco do que me deron a min», asegura. Viu como en Noia Avilés de Taramancos convertía unha taberna nunha tertulia, un lugar cultural, e na súa estadía en Outes investigou sobre a traxectoria de Francisco Añón: «Non podes pasar como se nada. Eu quero colaborar para que esa cultura sexa valorada e coñecida».

 

Traballo nas asociacións

Barbantia, Museo do Pobo Galego, Ateneo, Alumni USC e Fundación Neira Vilas son algunhas das moitas entidades coas que colabora a sonense. Ter que conxugar os intereses de cada un destes colectivos estivo lonxe de ser difícil para ela. Estableceu unha rede social que deriva en obxectivos comúns: «Cada entidade ten que actuar no seu ámbito, pero coso os seus intereses para que poidan traballar xuntas». O máis prezado que lle pode aportar, admite, é ver o que fai unha para transmitirllo á outra.

Vén de pechar o seu último traballo, Unha manda de pezas para Isaac, unha campaña conmemorativa do centenario do nacemento de Díaz Pardo. «O primeiro que fago é tirar desas asociacións para que participen. Ao final conseguimos que máis de 200 persoas enviaran a súa obra». Unha iniciativa que nace ao saber que en ningunha das universidades galegas hai un traballo de investigación sobre o intelectual. «Fanse teses doutorais sobre promesas e ninguén estuda a unha persoa que xa é segura e que cambiou a nosa historia», sentenza.

En cada lugar hai que ver o que é axeitado nese momento, para o que chama tamén á implicación da xuventude: «Vivimos nun momento no que hai moito barullo e todo é relativo. Falta moita formación. Noto que a xente nova agora está retraída». Aínda que a participación non é de todo abundante, asegura que non é algo que lle preocupe especialmente, pois a cantidade compénsase coa calidade.

 

Ver noticia en La Voz de Galicia