Hemeroteca

O Conservatorio Histórico, o Ateneo de Santiago e a Sociedad Económica de Amigos del País xa teñen ascensor

Compartir

O edificio da praza de Salvador Parga no que se atopan o Conservatorio Histórico, o Ateneo de Santiago e a Sociedad Económica de Amigos del País xa dispón de ascensor despois da intervención do Consorcio da cidade.


O ascensor nun edificio no que se atopan tres das entidades máis antigas da cidade era unha vella débeda de accesibilidade. O arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago responsable deste proxecto é Ángel Panero quen explica que “a finalidade desta intervención era garantir a accesibilidade universal ás tres plantas do inmoble histórico, que ten unha superficie construída total de 2.555,93 metros cadrados e un uso intensivo por parte dos cidadáns debido ás institucións que alberga”.



O arquitecto sinala que o Consorcio promoveu esta intervención dentro do propósito do organismo interadministrativo de “traballar para mellorar sempre as condicións de habitabilidade dos edificios da cidade histórica, neste caso respaldando técnica e administrativamente o procedemento para a instalación dun ascensor que garanta o dereito á accesibilidade universal de calquera cidadán a todas as plantas en calquera edificio con uso público”.

Tal como resalta o Ángel Panero, “a obra executouse con atención ás directrices de seguridade provocadas pola COVID-19 e nestes intres xa podemos afirmar que o edificio ten accesibilidade universal, que era precisamente o obxectivo primordial desta actuación”.

Ver en Lindeiros