Hemeroteca

Conmemoración do Día da Muller nos Luns do Ateneo

Compartir

SANTIAGO DE COMPOSTELA
| O próximo luns, ás 20.00 horas -na Rúa do Vilar, 19-, terá lugar unha
mesa redonda para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
O acto, que leva por título «Universitarias, científicas e
emprendedoras», reúne a varias mulleres destacadas da Universidade de
Santiago como son Mabel Loza, Catedrática de Farmacoloxía; Carme Pampín,
Doutora en Química Orgánica; e Eva López Barrio, Coordinadora do
Programa Woman Emprende; así como a Vicerreitora de Comunicación,
Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, quen exercerá de moderadora.  





Esta mesa redonda xirará arredor da reivindicación da igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade. Para iso, ao longo da charla farase fincapé nos papeis que teñen as mulleres na USC como científicas, emprendedoras e investigadoras, dándolle voz a un grupo de catedráticas e doutoras nesta institución.





A Vicerreitora Mar Lorenzo é doutora en Filosofía e Ciencias da Educación, coordina o Programa de Doutoramento en Educación da USC e forma parte do grupo de investigación ESCULCA, da Rede RIES e da Rede de Excelencia Universidade, Innovación e Aprendizaxe na Sociedade do Coñecemento. A Catedrática Mabel Loza coordina o grupo BioFarma, promoveu a fundación de tres compañías, é patroa fundadora e codirectora científica da Fundación Kærtor e gañou o Premio María Wonenburger da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. Pola súa banda, a Doutora Carme Pampín é co-fundadora e Directora Executiva de Galchimia S.A. así como Presidenta de BIOGA - Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida e do Hub de Innovación Dixital, DATALIFE.





Por último, Eva López Barrio coordina o Proxecto Innovatia 8.3 do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades e é Titora das Axudas Emega da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.





Ver en Galicia Diario