Hemeroteca

A USC e o Ateneo de Santiago propiciarán un maior achegamento entre a institución universitaria e a sociedade

Compartir


Ambas institucións asinaron este luns 28 un convenio de colaboración






O reitor, Juan Casares, e o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño, asinaron este luns o convenio. Foto Alfonso




O reitor da USC, Juan Casares, e o presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño Zunzunegui, asinaron este luns 28 de febreiro un convenio coa finalidade de fomentar a colaboración entre ambas institucións, propiciando un achegamento entre a institución universitaria e a sociedade. “Este é un acordo histórico, que permite facer de dereito o que xa estamos facendo de feito”, sinalou Juan Casares en referencia á liña de cooperación que xa veñen mantendo ambas institucións. En virtude deste convenio, a Universidade de Santiago facilitará a difusión das actividades desenvoltas polo Ateneo compostelán entre o conxunto da comunidade universitaria, xa sexa a través dos distintos centros da institución académica ou a través das súas propias canles de comunicación. Así mesmo, a USC facilitará a cesión ao Ateneo, en uso temporal e dentro das súas dispoñibilidades, de distintos locais universitarios, como son o Paraninfo da Universidade e o Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Pola súa banda, o Ateneo compostelán comprométese a facilitar aos membros da comunidade universitaria o acceso a todas as actividades que organice e a condición de socio sen outro custo distinto da cota mensual ordinaria. Na mesma liña, a sociedade santiaguesa primará a presenza de persoal docente e investigador na súa oferta de actividades de cara a pór en valor na sociedade o potencial de coñecemento da universidade. Finalmente, ambas entidades impulsarán, en virtude deste acordo que ten unha duración dun ano prorrogable, a organización de actividades conxuntas nos eidos cultural, científico ou educativo, así como a edición de publicacións e informacións que faciliten a divulgación de coñecementos entre a cidadanía compostelá.





Ver no Xornal da USC