Hemeroteca

Mercedes Rozas: «A simboloxía sobre Compostela foi moi relevante na revista "Nós"»

Compartir

A conferenciante do Ateneo falou da parte artística da publicación polo seu centenario









«O centenario da revista Nós
recupera a memoria de toda esa xeración que acabou desfeita polo inicio da
Guerra Civil», di Mercedes Rozas. Ela foi unha das relatoras da dobre
conferencia que tivo lugar onte no Ateneo de Santiago baixo o título Cen
anos de Nós. Perspectiva etnográfica e artísticas
. A primeira parte correu a conta de Xosé Carlos
Sierra. O etnógrafo e museólogo centrouse «nun elemento importantísimo en todos
os números da publicación», sinala a historiadora da arte, o que ten que ver co
estudo de pobos e culturas. Ela, pola súa banda, falou dunha parte non menos
relevante, a artística.





«Desde 1920, cando saíu o
primeiro número de Nós en Ourense, ata 1936 traballaron na publicación toda unha serie de
intelectuais, especialistas en etnografía, en lingüística, en arte, pensamento
político... con colaboradores como Otero Pedrayo, Ánxel Fole ou Fermín Brouza
Brey. Á mesma vez, desenvolveuse un deseño artístico, unha liña ou discurso
estético dirixida por Castelao, como director artístico da revista. El era o
que marcaba as pautas. O contido artístico da revista foi importante porque traballaron
distintas xeracións, non só caricaturistas senón tamén pintores, que fixeron
algunhas apartacións de interese. E, habendo varias xeracións implicadas, deron
cabida tamén a distintas liñas estéticas», explica a historiadora especializada
na crítica da arte e comisariado de exposicións.





Mercedes Rozas distingue tres
liñas estéticas: «Estaba unha máis tradicional, na que queda moita herdanza do
século anterior que vén de rematar, representada por Castelao ou Camilo Díaz
Baliño; outra -a de Maside, Seoane ou Colmeiro- de renovadores da arte galega;
e unha terceira avanzada artística vinculada ás vangardas de Europa, de Madrid
ou da Cataluña do momento, na que había o Modernismo, da que formaban parte
Fernández Mazas, Cebreiro e Luis Huici. Falamos dos anos 20, onde as
comunicacións eran limitadas, e en cambio participaba xente moi documentada».





Do local ao universal





Destaca Rozas que había tamén
puntos en común e «practicamente todos, tanto os artistas como os que
escribían, traballaban na busca dunha identidade nacional. No caso da arte,
partían do local, sen deixar de lado o rexional e os motivos galegos, para
converxer na universalidade das vangardas que se estaban establecendo en
Europa. Partían de motivos moi concretos: temas mariños, labregos ou incluso
composteláns. De feito, a simboloxía relacionada con Compostela foi moi
relevante na revista Nós: sae a cruz de Santiago ou o pórtico da Gloria, entre outros».





¿Que deberiamos aprender hoxe
daquela histórica publicación? «Deberiamos de recuperar, e de feito estase
recuperando agora polo centenario, con distintas exposicións e conferencias
como a de hoxe [por onte] a memoria dunha xeración con moitas inquedanzas, que
nun momento dado quixeron romper cunha tradición máis clasicista e chegaron a
publicar todo tipo de artigos, incluso traducidos do alemán ou do inglés, de
intelectuais moi importantes da época», contesta Rozas.





A revista Nós tamén perseguiu a normalización do uso da
lingua e elevar o galego aos usos orais e á cultura; ao tempo que tratou o
descubrimento da identidade galega dende o ámbito da arqueoloxía, etnografía,
historia ou pensamento, explorando culturas europeas próximas.





Rozas sinala que como historiadora ás referencias a Nós son recorrentes e considera a publicación «fundamental para coñecer a pre-guerra». Di que o que máis lle sorprendeu a título persoal nun primeiro contacto coa publicación foi «que foran capaces, incluso tendo distintas formas de ver a arte naquel momento, de abrir a revista a unha confluencia de autores de distintas xeracións e nesa pluralidade de tamén de liñas estéticas».





Ver en La Voz de Galicia