Hemeroteca

"Concepción Arenal non se limitou a alertar das inxustizas, senón que propoñía solucións e cambios nas estruturas"

Compartir





O 31 de xaneiro de 1820 nacía en Ferrol Concepción Arenal. Este venres celébrase, polo tanto, o bicentenario da autora e activista galega.





O 31 de xaneiro de 1820 nacía en Ferrol Concepción Arenal. Este venres celébrase, polo tanto, o bicentenario da autora e activista galega, que despois de residir en Cantabria, Madrid ou A Coruña, morreu en 1893 en Vigo, onde está soterrada. Coincidindo coa efeméride, son moitas as institucións e entidades sociais que esta semana levan a acabo actividades e homenaxes ao redor da súa figura. 





Destacan os que
se realizan en Ferrol, que este xoves dedicou un pleno municipal
monográfico a honrala, ou a ampla programación de actividades programada
en Compostela pola USC e o Ateneo de Santiago. E, ademais, o
énfase posto polo Colexio Oficial de Traballo Social en reivindicar a
súa figura, subliñando que Concepción Arenal “sentou as bases do
traballo social”.





Por este motivo, o Consejo General del Trabajo Social (CGTS), que agrupa a 36 organizacións colexiais de todo o Estado e a 40.000 persoas colexiadas e o propio Colexio de Traballo Social de Galicia (COTSG) realizarán este venres ás 13 horas unha ofrenda floral nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Ademais, ás cinco da tarde o pazo de María Pita acollerá un acto-homenaxe que convidará a debater sobre a vida e a figura de Concepción Arenal.





O Colexio Oficial de Traballo Social reivindica a súa figura, subliñando que “sentou as bases do traballo social”.





Xa o xoves pola tarde as entidades representativas do Traballo Social participaron en Ferrol nos actos de lembranza á pensadora ferrolá, participando no pleno monográfico que tivo lugar no Casa do Concello e tamén na ofrenda floral realizada no monumento dedicado a Concepción Arenal, na confluencia da avenida de Esteiro coa rúa de Fernando VI, e no descubrimento dunha placa na súa casa natal, no número 177 da rúa Real.









"A súa interpretación das desigualdades é a mesma que facemos dende o actual Traballo Social; ela pon o acento na estrutura e na organización social e non na culpabilidade das persoas pola súa situación"





"Sempre dicimos que Concepción Arenal é pioneira do Traballo
Social, porque a súa interpretación das desigualdades é a mesma que
facemos dende o actual Traballo Social; ela pon o acento na estrutura e
na organización social e non na culpabilidade das persoas pola súa
situación"
, destaca Emiliana Vicente, presidenta do CGTS. "É
dicir, as persoas non son pobres porque si, non están presas porque ese
sexa o seu destino, senón que é o propio contexto social, a estrutura
social o que as levou a esa situación", explica.





Emiliana Vicente
salienta que "merece que a recuperemos e que lle deamos importancia.
Dentro do Traballo Social, adóitase falar doutras precursoras, como Jane
Addams ou Mary Richmond, pero é que Concepción Arenal ten que estar ao
mesmo nivel e ten que ter o mesmo recoñecemento que estas outras figuras
internacionais".





"Concepción Arenal está entre os pensadores máis importantes do século XIX e mantivo unha gran relación con intelectuais contemporáneos de toda Europa. É unha intelectual, pero ao mesmo tempo é unha muller de intervención social, de estar pegada ao terreo, de estar acompañando os procesos de colectivos que estaban moi abandonados e moi orfos de toda axuda: os presos, as mulleres, as prostitutas... É unha muller que foi precursora do actual traballo social no ámbito penitenciario", di.





"Foi unha muller valente por abordar estas propostas de acción social, cuestionando o momento social no que lle tocou vivir e promovendo reformas. Como reformadora social, cremos que ten un carácter moi progresista para a súa época", defende. "Facía propostas avanzadas para transformar toda forma de inxustiza social, loitando polos dereitos de todas as persoas, buscando acadar a igualdade e a xustiza", engade. "Non se limitou a alertar destas cuestións, senón que propoñía solucións e solucións que tanto á sociedade, ao Estado e á Relixión do seu tempo as enfrontaba a contradicións grosas", destaca a presidenta do CGTS.





Concepción Arenal foi "unha feminista de primeira orde, pois ela reivindica o papel de intelectual da muller nunha sociedade na que as mulleres non eran suxeitos de dereito".





Emiliana Vicente subliña que Concepción Arenal foi, así
mesmo, "unha feminista de primeira orde, pois ela reivindica o papel de
intelectual da muller nunha sociedade na que as mulleres non eran
suxeitos de dereito".
"Ela defendía que as mulleres, se teñen
formación, se teñen oportunidades, como as teñen os homes, poden
realizar case calquera tipo de traballo, avanzando cara a unha sociedade
máis igualitaria que será positiva para todos", comenta.





A presidenta co CGTS considera que Concepción Arenal non acada aínda a toda a consideración e recoñecemento que merece, en parte pola época na que viviu. "Aínda que ela bebe de fontes cristiás, estivo escurecida e ocultada por vivir nunha época da que dominaba unha ideoloxía católica moi retrógrada" destaca Emiliana Vicente. Porén, do mesmo xeito, "o feito de promover unha reforma dende unha ética cristiá tamén provocou que as súas achegas, que foron moi progresistas, tampouco fosen tidas en conta por outros sectores", di, concluíndo que "temos unha enorme débeda con Concepción Arenal".









Mulleres visten de home nas aulas da USC en homenaxe a Concepción Arenal









Alumnas, profesoras e persoal de administración e servizos vestíronse este xoves de home (con chapeu de copa e levita) en homenaxe a Concepción Arenal





Un dos feitos máis coñecidos da vida de Concepción foi que tivo que
vestir de home para poder estudar na universidade. Foi aos 21 anos e
despois de vencer as resistencias da súa nai, Concepción Arenal
decidiuse a cursar os estudos de Dereito. Porén, nese momento non se
permitía legalmente o acceso das mulleres aos estudos superiores. Así pois, Concepción Arenal cortou o pelo, puxo capa, levita e chapeu de copa e asistiu a varias clases como oínte.





Cando o seu disfrace foi descuberto, interveu o reitor, que despois de que a alumna superase un exame lle permitiu seguir asistindo ás aulas como oínte entre 1842 e 1845, aínda que non puido obter título ningún nin presentarse aos exames oficiais. Así mesmo, para acceder ás clases debía superar un complexo rito, mediante o que tiña que ser acompañada á facultade por un familiar, recollida despois por un bedel que a depositaba nun cuarto ata que chegaba o profesor que impartía a materia. Asistía ás explicacións afastada dos alumnos varóns e ao remate da clase era de novo depositada nun cuarto baleiro ata a chegada do seguinte profesor.





Despois de ser descuberto o seu disfrace, o reitor permitiulle asistir como oínte ás clases, pero manténdose afastada dos alumnos varóns





Concepción Arenal vestiuse de home noutras ocasións, para poder participar en faladoiros políticos e literarios, e tamén realizou traballos xornalísticos facéndose pasar polo seu marido, sobre todo cando este caeu enfermo. Mesmo despois de morto seguíu colaborando nos xornais, aínda que os directores lle pagaban polos seus textos a metade que aos autores varóns e non asinaba os seus artigos. Cando a nova lei de prensa obrigou a asinar todas as colaboracións, Concepción Arenal tivo que deixar de escribir nos xornais.





Concepción Arenal vestiuse de home noutras ocasións, para poder participar en faladoiros políticos e literarios, e tamén realizou traballos xornalísticos facéndose pasar polo seu marido.





Este xoves, en varias das facultades da USC leváronse a cabo performances para lembrar as dificultades que Concepción Arenal tivo que superar para poder asistir ás clases universitarias. Alumnas, profesoras e persoal de administración e servizos vestíronse de home (con chapeu de copa e levita) na Facultade de Formación do Profesorado no Campus de Lugo, e nas facultades de Ciencias da Comunicación, Ciencias Políticas e Sociais, Filosofía, Matemáticas, Ciencias da Educación, Óptica e Optometría e Química en Santiago.





Este venres 31 a xuíza emérita e ex alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena, impartirá un relatorio no Salón de Actos da Facultade de Dereito, baixo o título ‘Concepción Arenal hoxe’. Antes, participará na inauguración nos xardíns detrás do Pazo de Raxoi dun busto dedicado á pensadora galega, nun acto presidido polo reitor Antonio López, e o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo.





Ver en Praza Pública