Hemeroteca

Rábade Paredes e a épica da Torre de Caldaloba de Cospeito

Compartir

Poemas de Guerra e mito





"Debo dicir, finalmente, / que un destemido baluro, / errante entón por Venecia, / volveu, cruzado de duro, / para alzar contra os señores / a república Galega", escribe Xesús Rábade Paredes (Cospeito, 1949) en Caldaloba en terras de Valverde (Alvarellos, 2019), o seu último libro de poemas. A visita de Rábade a territorios épicos, míticos, valeulle ademais o primeiro premio do certame de poesía Torre de Caldaloba do Concello de Cospeito.
Cinco composicións, algunhas arromanzadas e de certa extensión, con ángulos narrativos e xogo toponímico, serven ao poeta para tecer un libro de guerra e celebración arredor da fortaleza medieval de Caldaloba, no Pino (Cospeito). O seu subtítulo, [Lenda histórica], ofrece pistas sobre as intencións do autor.





"Desde esta nobre Torre do reino dos baluros, / esclarecida tribo / do grande e vello reino dos calecos", comeza Invocación no sitio da Balura, o texto que abre a obra, "convoco os que cantaron desde as veas a terra / desta Chaira deitada. Milleiros de fanegas / longamente viaxadas / por ventos arrasados e cursos de auga lenta". Lenda e historia da Torre, Celebración do solsticio, O sitio de Constanza e Caldaloba e Viladonga completan o volume.





Caldaloba en terras de Valverde sucede na bibliografía poética de Rábade Paredes a dous libros recibidos con honores por crítica e colegas. Sobre ruínas (Alvarellos, 2013), poesía con altas doses de política, foi mellor libro do ano no xénero para a Asociación Galega de Editoras e finalista para a AELG. Con Memoria do corpo (Galaxia, 2018) obtivo a distinción da Gala do Libro Galego ao mellor libro de poemas. Na actualidade, o tamén narrador Xesús Rábade Paredes está a preparar as súas "memorias literarias".





Ver en Nós Diario