Hemeroteca

Constiúese en Santiago a Federación de Ateneos de Galicia

A pasada semana tivo lugar en Santiago unha nova xuntanza de Ateneos de Galicia, onde quedou constituída a asociación “Federación de Ateneos de Galicia”, na que se viña traballando dende marzo do pasado ano

Compartir

 

O proceso de constitución da Federación comezou no mes de marzo cando se formalizou un convenio de colaboración entre os Ateneos de Galicia. No acto, que se oficializou mediante a sinatura da acta fundacional así como dos Estatutos da nova entidade, participaron representantes do de Santiago, o Ferrolán, Santa Cecilia de Marín, Moaña, Atlántico de Vigo, Ourense e Pontevedra.

O órgano de goberno provisional da Federación consiste nunha Xunta Directiva conformada por Francisco Javier Montero Dongil como Presidente, Xulio Pardellas de Blas como Vicepresidente, Francisco Candela Castrillo como Secretario, Antón Porteiro Lago como Tesoureiro e Anxo Cabada Álvarez, Pablo Santiago Fernández Prieto, Xaime Domínguez Toxo e Xosé Collazo Castro como Vogais. Do mesmo xeito, neste documento tamén se inclúe o mandato desta nova directiva ao Secretario para “formalizar o proceso de constitución diante das distintas administracións e institucións públicas”.

Pola súa banda, nos Estatutos que rexerán a Federación de Ateneos de Galicia, aprobados polos presentes, establécese o domicilio social no local do Ateneo de Santiago, ata que se conte con sede propia, así como o fin de funcionar “como un espazo de encontro, diálogo, cooperación e axuda entre os Ateneos que formen parte da mesma” e “de impulso de realización de actividades conxuntas preferentemente no ámbito xeográfico de Galicia”.

Ver en Lindeiros