Hemeroteca

O Ateneo de Santiago renova a súa imaxe

Xunto co lanzamento dunha modernizada páxina web, o Ateneo de Santiago presenta unha renovación do seu logotipo, máis adaptado aos soportes dixitais

Compartir

O actual logotipo do Ateneo de Santiago, con cor vermella, a cuncha como símbolo da cidade e unha tipografía de carácter manuscrito, é unha marca gráfica que se axusta perfectamente aos usos impresos, espazos para os que foi deseñada orixinalmente, mais que resulta de difícil aplicación en soportes dixitais. É por iso que, dende a asociación, se fixo necesario axustar esta imaxe corporativa, sintetizando o seu perfil para acadar  unha figura máis sólida e preparada para os novos usos en contornas tecnolóxicas.

Un dos elementos principais desta adaptación, a cuncha de vieira, emblema compostelán, consérvase no novo logotipo posto que se converteu nun elemento identificativo da marca ao longo dos máis de dez anos de vida da asociación, permitindo diferenciar dun xeito sinxelo ao Ateneo de Santiago ao atribuírlle unha xeografía e significación moi concreta. É por este motivo polo que se optou por simplificar os trazos da cuncha por medio da xeometrización, mantendo o seu vínculo coa cuncha orixinal pero facilitando, asemade, a lexibilidade en todo tipo de soportes. Ademais, decidiuse inverter a súa posición, colocándoa cara arriba como alegoría dunha man que permanece aberta para acoller a toda a cidadanía e convidala a formar parte da entidade e participar nas súas actividades.

Este novo logotipo, que seguirá empregando a cor vermella corporativa, matizándoa para darlle personalidade e harmonía, permite utilizar outras cores secundarias para representar apartados diferenciados da entidade, ofrecendo unha maior variedade, ademais de constar de composicións en vertical e horizontal para adaptarse a todos os contornos.   

 

Nova WEB

Ademáis, o Ateneo de Santiago presentará este mércores, día 20 de xaneiro, o sitio web www.ateneodesantiago.gal, un novo espazo modernizado que busca mellorar a experiencia dos ateneístas e todos os seus visitantes.

Dita web presenta, cun deseño máis simple e unificado á par que intuitivo, todos os contidos da anterior páxina, así como novas incorporacións, pero dunha maneira máis ordenada e sinxela, buscando resolver rapidamente as pescudas e necesidades dos usuarios e ofrecendo unha experiencia máis satisfactoria mediante a mellora e personalización da súa estrutura, funcionalidades e xestión.

Así pois, os visitantes poderán acceder eficazmente a aquilo que buscan dende calquera navegador e dispositivo (ordenador, móbil, tablet, ...), en calquera momento e en calquera lugar, xa sexan arquivos da hemeroteca, novas da entidade ou actividades culturais, como as conferencias dos Luns do Ateneo, tanto as pasadas como as que se van realizar proximamente.

Ademais, o lanzamento desta nova páxina vai acompañado dunha renovación do logotipo, ambas iniciativas dirixidas a unha mellor adaptación da asociación á contorna dixital.

Esta presentación, debido ás restricións sanitarias, realizarase sen presenza de público ás 12h no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo do Ateneo de Santiago polo que será gravada para a súa posterior distribución entre medios de comunicación, ateneístas e cidadanía en xeral, así como a través das propias canles de difusión dixital da entidade. 

 

Ler en Compostela 24 horas