Hemeroteca

Piden unha placa e unha rúa para o Mestre Chané en Santiago

O Ateneo de Santiago critica que non se teña reposto a placa roubada ou desaparecida hai catro anos.

Compartir

O Ateneo de Santiago presentou un escrito dirixido ao alcalde da capital galega, Xosé Sánchez Bugallo, no que reitera a denuncia da desaparición da placa de estilo modernista que sinalaba na Ruela de Pitelos a casa natal do ilustre músico José Castro González (Chané) e pide que se restitúa.

O ateneo sinala que a placa, de gran valor artístico, realizada polo escultor Santiago Bonome e sufragada polos composteláns, foi roubada ou destruída fai catro anos, coincidindo cunhas obras na fachada e o tapiado das portas da edificación.

Segundo indica, a mesma semana desta desaparición, o Ateneo informou dos sucedido ao Concello pero nunca obtivo resposta satisfactoria cara á reposición da insignia, que fora inaugurada en 1923 e estaba realizada en mármore de tres cores.

Ante estas cuestións, a Xunta Directiva do Ateneo de Santiago reiterou a petición ao Concello de homenaxear a este compostelán universal mediante a realización e instalación dunha nova placa no seu lugar de nacemento que poña fin ao agravio producido e, de ser posible, a dedicación dunha rúa co seu nome, como xa foi feito noutras cidades galegas como A Coruña e Carballo, entre outras.

 

Ler en Galicia Confidencial