Hemeroteca

Premio Alfredo Vicenti para Adela Bértolo por un artigo feminista

Distinguidas tamén polo Ateneo santiagués publicacións de Marta Otero e David Reinero

 

Compartir

Santiago. O Ateneo de Santiago celebrou este martes o acto de entrega do Premio Alfredo Vicenti 2020 a Adela Bértolo, polo seu artigo #UNSEGREDOAVOCES. A loita feminista do alumnado da ESADg continúa na rede, publicado o 29 de abril do pasado ano en Vinte, revista do xornal Praza Pública, así como os accésits a David Reinero, pola reportaxe O que custou o AVE a piques de rematar, e a Marta Otero Mayán, polo artigo Menores migrantes, ayer y hoy.

O acto, que non puido contar con asistencia de público debido á situación sanitaria, abriuno o presidente do xurado e vicepresidente do Ateneo de Santiago Manuel López-Rivadulla, quen inmediatamente lle pasou a palabra ao secretario do xurado, Francisco Candela, para dar lectura á acta de outorgamento do Premio.

A continuación, procedeuse á entrega dos galardóns por parte do presidente do xurado, a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón, e o representante da Asociación de Periodistas de Santiago, José Francisco Rodil, á gañadora e aos accésits David Reinero e Marta Otero, respectivamente.

Acto seguido déuselle a palabra a Adela Bértolo, quen salientou “o labor do Ateneo por traer á memoria a figura de Alfredo Vicenti” así como a transcendencia do Premio, que a anima a continuar co seu traballo nunha profesión que “está en crise permanente” pero tamén pola importancia do tema tratado na reportaxe, “os abusos sexuais e de poder reiterados na ESAD de Galicia”. Tamén lle agradeceu ás alumnas, “que foron moi bravas e moi valentes”, sen medo ás represalias, e á voceira das profesoras, que lle deu todo tipo de información, así como á revista Vinte, do xornal Praza Pública, “por apostar por este tipo de reportaxes que escapa da súa liña editorial”. REDACCIÓN

 

Ler en El Correo Gallego

Eventos relacionados