Hemeroteca

Os Luns do Ateneo dedica o Día da Muller a Emilia Pardo Bazán

A conferencia terá lugar este luns 8 de marzo ás 20h da man de Marina Mayoral, novelista e Académica de Honra da Real Academia Galega

Compartir

Este luns 8 de marzo ás 20.00h o Ateneo de Santiago ofrece unha conferencia titulada «Dona Emilia entre a hostilidade e o ridículo», que será impartida por Marina Mayoral, novelista e Académica de Honra da Real Academia Galega.

O Ateneo quixo dedicar o Día da Muller 2021 a Emilia Pardo Bazán, coincidindo co centenario do seu falecemento. Dona Emilia Pardo Bazán, que foi unha triunfadora en moitos sentidos, mantivo, con todo, unha relación conflitiva con gran parte da sociedade do seu tempo e con moitos dos seus colegas escritores. Os prexuízos e as envexas converteron a súa vida profesional nun duro camiño. Os éxitos evidentes e as hostilidades, tamén evidentes, que tivo que soportar son as dúas caras da vida daquela extraordinaria escritora.

Marina Mayoral é novelista, catedrática xubilada de Literatura Española e Académica de Honra da RAG. Como novelista publicou 18 novelas e 4 libros de relatos e foi traducida a diversos idiomas. Recibiu numerosos premios, como a medalla Castelao polo seu labor xornalístico a prol da cultura, e os premios Ámbito Literario, Novelas y Cuentos, La Hucha de Oro... Como investigadora tamén publicou numerosos libros, edicións, traballos colectivos e artigos en revistas especializadas.

Debido ás restricións sanitarias, a esta conferencia só se poderá asistir por medio da plataforma Zoom, a páxina webwww.ateneodesantiago.gal e as seguintes redes sociais do Ateneo:

Youtube:Ateneo de Santiago
Facebook:Ateneo Santiago
Twitter:@AteneoSantiago

As preguntas para o coloquio posterior poderán facerse a través de Zoom e enviarse ao WhatsApp do Ateneo 622 274 110

Ler en Compostela 24 horas

Eventos relacionados