Hemeroteca

Terceiro Festival de Música Antiga e Barroca do Ateneo para encher de atractivas propostas culturais Compostela

Compartir

 

Santiago. O Ateneo de Santiago vén de facer pública a programación da terceira edición do Festival de música antiga e barroca (Ateneo Barroco), que reúne unha proposta de concertos e actividades complementarias didácticas e divulgativas (conferencias, encontros, proxeccións, etc.) e que se celebrará en Santiago de Compostela ao longo do vindeiro mes de outubro, entre os días 4 e 22. No acto participaron o presidente da entidade organizadora Manuel López-Rivadulla e o director artístico do Festival Víctor Carou, así como a responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago Mercedes Rosón.

O presidente do Ateneo comezou dicindo que o Ateneo vai a comezar as súas actividades con este Festival de música antiga e barroca na súa terceira edición, salientando que “nos animou moito a acollida de público que tivo o Ateneo Barroco nos dous anos anteriores, especialmente a segunda edición moi marcada polas restricións sanitarias”.

Pola súa banda, Mercedes Rosón, en representación do Concello de Santiago, indicou que “o festival xa forma parte da cidade nestes primeiros momentos do outono e ten un peso importante na programación tanto musical como cultural. O valor que ten para a cidade, que é totalmente barroca tanto no patrimonio monumental como musical, radica en que relaciona ese grandísimo legado cultural barroco coa riqueza musical”. A programación desta terceira edición, presentada por José Víctor Carou, está centrada na voz humana (os cantos dos trobadores, a música sacra, a ópera, a canción, a música de cámara, ...), incidindo nos territorios de influencia do barroco musical e estendendo o seu campo de acción á Idade Media e o Renacemento.

O especial protagonismo outorgado á voz quedará patente o venres 15 no Salón Teatro cun dos fitos do Ateneo Barroco 2021: a presenza da soprano Hana Blažíková, recoñecida especialista da música barroca, renacentista e medieval, quen, acompañada do cornettista Bruce Dickey, presenta Breathtaking: A viaxe pola Italia do Seicento dun cornetto e unha voz entrelazados, un programa no que se explora a íntima relación entre a voz e as características sonoras e técnicas do cornetto, ao tempo que se realiza unha interesante viaxe polos territorios italianos ao longo do século XVII. A música barroca italiana estará moi presente dende o primeiro concerto, que terá lugar o venres 8 no Paraninfo da Universidade, onde o clavecinista Enrico Baiano reconstruirá o mítico duelo musical entre Scarlatti e Haendel no concerto O harmónico certame. Comezando coa gran Chacona de Haendel, o festival rematará con esta mesma forma musical o 22 de outubro no Principal, onde o grupo Resonet defenderá a súa orixe compostelá. S. CUIÑA

Ver en El Correo Gallego