Hemeroteca

Comeza o Ateneo Barroco cunha conferencia de Roberto Relova

O vindeiro luns, día 4, comezan as actividades do Ateneo Barroco cunha conferencia de Roberto Relova sobre a voz humana.

Compartir

 

O eterno (e invisible) camiño da voz humana a través do mito. De Arión a Pedro Almodóvar e o longo título de esta primeira charla no Ateneo Barroco. A cita as oito da tarde na sede de Afundación na rúa do Vilar.  A entrada é gratuíta previa inscrición no correo electrónico ateneo@ateneodesantiago.gal.

A voz e o canto son salientables protagonistas nesta terceira edición do festival Barroco na que o Camiño, a viaxe, a peregrinación e o intercambio cultural e musical serven de inspiración para unha programación que achega músicas que dalgún xeito poden ilustrar o carácter aberto e viaxeiro, comunicativo e de permuta, de mestizaxe, de asociación e préstamo, dos músicos e da música.

A voz como instrumento estilístico e de expresión en diferentes momentos da historia da música é o punto de partida do relato titulado “O eterno (e invisible) camiño da voz humana a través do mito. De Arión a Pedro Almodóvar” que nos propón un recoñecido especialista e relator, o activo e polifacético Roberto Relova, doutor en etnomusicoloxía, catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo e novo director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).

Roberto Relova

Roberto Relova Quinteiro, catedrático de Etnomusicoloxía no Conservatorio Superior de Música de Vigo, é actualmente o director da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. É autor da tese A música clásica e a narración fílmica na obra de Pedro Almodóvar (Universidade de Vigo). Colabora con Codalario e con La Voz de Galicia. É membro do comité de honra de Juventudes Musicales de España. Finalizou os seus estudos musicais e a licenciatura en Arte Moderna e Contemporánea en Santiago de Compostela, baixo a dirección de José López Calo. A súa tese doutoral foi dirixida por Anna Amoros (Uvigo) e Ángel Luis Hueso (USC). Participou en cursos, congresos e seminarios internacionais relacionados coa música, pedagoxía, musicoloxía, composición, cine, arte, símbolos, muller, ópera e dereitos humanos en Salamanca, Granada, Madrid, Melilla, Santiago de Compostela, Dublín, Damasco, Roma, Nova Iork, A Habana, etc. Foi profesor invitado da Universidade de Santiago de Compostela no bienio 1989-1991. Actualmente e dende 1999 dirixe e imparte os cursos de ópera na Universidade de Vigo e colabora co programa Opera Oberta do Liceo de Barcelona (cursos de ópera vía internet para todas as universidades do mundo). Foi vicepresidente e membro fundador da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza e en 2005 foi elixido presidente da asociación Amigos da Ópera de Vigo. Dirixiu dende a súa creación no ano 2000 o prestixioso Festival de Música de Vigo Are More. Colaborou con diferentes festivais e institucións como o Festival Mozart da Coruña, Festival Xacobeo, Auditorio de Galicia, Festival de Música Cidade de Lugo ou as Xornadas de Música Contemporánea da Universidade de Santiago (como relator sobre a obra de Xan Viaño).

Ver en Lindeiros

Eventos relacionados