Hemeroteca

A elección do Consello xeral do poder xudicial, a debate no Ateneo

Este luns 25 de outubro o Ateneo de Santiago ten programada unha conferencia impartida polo Maxistrado Xermán Varela Castejón

Compartir

 

Este luns 25 de outubro ás 20.00h a Sección Sociedade Civil do Ateneo de Santiago organiza unha conferencia na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela titulada «Poder Xudicial e Democracia ao redor da elección do Consello Xeral do Poder Xudicial», que estará impartida polo Maxistrado Xermán Varela, ex-Voceiro de Xuíces e Xuízas para a Democracia.

Os membros do Consello Xeral do Poder Xudicial, órgano de goberno do poder xudicial español, deben ser elixidos polas Cortes Xerais cunha maioría cualificada de 3/5, segundo establece a Constitución. Esta intervención do poder lexislativo abre un debate sobre a independencia do poder xudicial, chegando a ser advertidos polo Consello de Europa sobre a urxencia de modificar este sistema de nomeamentos, e crea bloqueos como o que se leva sufrindo dende decembro de 2018 ante a necesidade de acadar acordos entre diversos grupos políticos para cumprir co requirimento constitucional da maioría cualificada.

Xermán Varela Castejón foi voceiro en Galicia da asociación Xuíces e Xuízas para a Democracia e membro da súa Comisión Penal. Tamén formou parte do Grupo de Estudos de Política Criminal e do Grupo de Estudos Xudiciais e participou en diversos proxectos como a coordinación da Revista Xurídica Galega (REXURGA) ou a elaboración do Dicionario Xurídico Galego. Actualmente exerce como Maxistrado no Xulgado de instrución nº 2 de Pontevedra, tras estar destinado en lugares como Castro Urdiales, Marín ou Figueres.

Ler en Compostela 24 horas