Hemeroteca

Fernando Vallespín no Ateneo de Santiago

Este luns 8 de novembro ás 20h o Catedrático e politólogo Fernando Vallespín impartirá unha conferencia no Ateneo de Santiago

Compartir

 

Este luns, 8 de novembro, ás 20.00h o Ateneo de Santiago ten programada unha conferencia, organizada pola Sección Sociedade Civil, na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela, titulada «A sociedade da intolerancia», que estará impartida por Fernando Vallespín, Catedrático de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid.

O catedrático expoñerá a crecente falta de respecto pola opinión de quen non forma parte do noso grupo de referencia, algo moi popularizado  nas redes sociais, en artigos de opinión da prensa ou en reunións de amizades. A convivencia de opinións diverxentes na sociedade plural na que vivimos deu paso a unha animadversión cara a quen manifesta publicamente unha opinión diferente ou non xeralmente aceptada. O autor detallará como e onde se manifesta este fenómeno, cales son as causas desta transformación na cultura pública e cales son as súas consecuencias.

Fernando Vallespín Oña exerceu case toda a súa carreira académica na Universidade Autónoma de Madrid, onde ocupou cargos como o de Vicerreitor de Cultura ou a Dirección do Departamento de Ciencia Política ou do Centro de Teoría Política. É autor de máis dun cento de publicacións, con especial predilección pola teoría política contemporánea, e foi Presidente do Centro de Investigacións Sociolóxicas e Presidente da Asociación Española de Ciencia Política, entre outros cargos destacados. É membro de número da Real Academia de Ciencias Políticas y Morales e colabora habitualmente no diario El País e na Cadena SER, así como en Radio Nacional de España.

Ler en Compostela 24 horas

Eventos relacionados