Hemeroteca

Dous artigos sobre o abandono rural galego son premiados polo Ateneo de Santiago

O premio dotado de 1000 euros e unha peza conmemorativa, e o áccesit consistente nun agasallo especial, terán lugar nun acto público en Santiago de Compostela no vindeiro mes de Nadal.

Compartir

 

O pasado mércores, día 17 de novembro, o Xurado do Premio de Xornalismo Cívico Alfredo Vicenti 2021, organizado polo Ateneo de Santiago, vén de outorgar por unanimidade o galardón desta edición ao xornalista Manuel Varela Fariña polos artigos "Los más jóvenes de Galicia recuperan casas centenarias entre montañas" e "El concello con más aldeas vacías".

Os traballos galardoados e que foron publicados en La Voz de Galicia o 26 de setembro e o 11 de abril de 2021, respectivamente, abren o debate sobre o abandono que sofre o rural galego e a súa recuperación, salientando os problemas aos que se enfrontan as familias que alí se instalan, temática que, como destaca o Xurado, responde fielmente ao espíritu do premio.

Do mesmo xeito, o Xurado decidiu tamén adxudicar un áccesit a Andrea Oca Domínguez polo seu traballo "Acollemento familiar a menores: moito máis que un teito", publicado en El Correo Gallego o 21 de febreiro de 2021, por promover un debate cívico de interese social.

O Xurado, presidido polo Vicepresidente do Ateneo de Santiago Francisco Candela, estivo constituído por José Francisco Rodil, directivo da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela; Xosé Ramón Pousa, Decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; Mercedes Rosón, responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago; e Antón Porteiro, membro da Sección Sociedade da Información do Ateneo de Santiago.

A entrega do premio, dotado con 1000 euros e unha peza conmemorativa, e o áccesit consistente nun agasallo especial, terán lugar nun acto público na cidade de Santiago de Compostela o vindeiro mes de Nadal.

Ler en Galicia Confidencial