Hemeroteca

Galicia lamenta a perda de Álvarez Corbacho, gran economista do local

Emocionado recordo de Laxe e Pérez Touriño, de Antonio López, Santiago Lago e Begoña Villaverde

Compartir

 

Santiago. Un xogador do Compos e do Celta de Vigo, primeiro alcalde do Grove en democracia, mestre de economistas e mellor persoa merecía a mellor das homenaxes. E seis meses despois do seu falecemento, o profesor Xoaquín Álvarez Corbacho xuntou ao fin aos seus compañeiros de profesión, amigos, alumnos e bo número de personalidades do mundo da política e a universidade reuníronse para facerlla.

O acto tivo lugar onde Álvarez Corbacho estudou Ciencias Económicas e Facenda Pública, no Salón Nobre de Fonseca da USC, institución na que chegou a ser catedrático de Economía Aplicada e vicerreitor entre 1985 e 1990, como lembraron durante o acto varias das autoridades universitarias que interviñeron coas súas palabras.

Alí estaban a actual conselleira do Consello de Contas de Galicia, Begoña Villaverde, destacou a pegada que Álvarez Corbacho deixou na institución, onde tivo unha intensa actividade como conselleiro, centrada na mellora da transparencia e a rendición de contas no eido da Administración local. Tamén desde o ámbito municipal tamén recibiu os eloxios dun amigo e compañeiro do municipalismo, o tamén exalcalde do Grove, Xosé María Mourelos, quen lembrou que Álvarez Corbacho foi o primeiro alcalde do Grove da democracia.

Francisco Candela, vicepresidente do Ateneo de Santiago, falou do compromiso social e político, “era un home coherente coa súa maneira de ser e de estar na vida”, afirmou moi emocionado.

Pola súa banda o impulsor de Rede Localis e Rifde, entidades organizadoras da homenaxe e ás que o catedrático Xoaquin Álvarez pertencía de xeito activo, Santiago Lago Peñas, salientou a xenerosidade e afectusidade que caraterizaban a Álvarez Corbacho, así como o seu compsomiso coa idea do potencial transformador do coñecemento. Ideas como a da “abstinencia fiscal” ou o “raquitismo orzamentario” dos concellos galegos axudaron a focalizar os principais problemas do noso municipalismo e son un legado que nos deixou.

Pola súa banda a conselleira do Consello Económico e Social (CES), Begoña Villaverde destacou o legado de Álvarez Corbacho e anunciou que a citada entidade pública publicará proximamente un libro cun manuscrito dun centenar de páxinas deixado polo economista.

O expresidente da Xunta Fernando González Laxe definiu a Álvarez Corbacho como un ¨mediador da esquerda” e destacou a súa vocación pola economía pública como ferramenta para resolver as necesidades da sociedade

O tamén ex titular do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño cualificou ao político e profesor como un “loitador incansable, un home integro e un ser entrañable, un home dunha soa peza”. Dixo o tamén economista que foi militante activo no proceso do 78 e un intelectual lúcido pero sempre disposto a comprometerse co servizo común.

Para finalizar o acto o Reitor da USC Antonio López, lembrou a figura do gran investigador e xestor, e contou algunhas anécdotas que motivaron un sorriso nostálxico aos asistentes, principalmente aos familiares que estaban presentes. J. C.

Ler en El Correo Gallego