Hemeroteca

Un itinerario teatralizado para rememorar en A Pobra a época de Vitoriano García Martí

Estivo guiado polo actor Roberto Leal e pola profesora Arantxa Fuentes

Compartir

 

Un itinerario teatralizado guiado polo actor Roberto Leal, ataviado como o intelectual, e a profesora Arantxa Fuentes, especializada na vida e obra do escritor e xornalista, serviu para que A Pobra rememorase a época de Vitoriano García Martí. O percorrido, aberto aos que quixeron sumarse, tivo como eixos a praza da Constitución; a praza Victoriano García Martí, onde se realizou unha ofrenda floral; o exterior do Museo Valle-Inclán; e a fachada da súa antiga casa, situada nos Areos. Os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer espazos relacionados coa súa traxectoria vital e profesional deste ilustre veciño.

Pecháronse así os actos de homenaxe promovidos pola Asociación de Periodistas de Santiago, que contaron coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e o apoio doutras entidades coma o Ateneo de Santiago.

Antes de levar a cabo recorrido, a corporación efectuou no salón de plenos unha recepción institucional á delegación vencellada á sociedade xornalística. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, destacou na súa intervención o compromiso da Administración local para contribuír ao recoñecemento e coñecemento deste referente cultural, fillo predilecto da localidade. «Gustaríame dicir que o goberno municipal ten a intención de continuar saldando esa débeda, que a asumimos gustosamente, e que confiamos en que os froitos xa se están vendo». Tamén tivo palabras de agradecemento para a familia Bermejo Rubio, depositaria do fondo documental, bibliográfico e fotográfico de Victoriano no Museo Valle-Inclán.

A estas cuestións tamén se referiu o alcalde, Xosé Lois Piñeiro, quen ratificou o apoio da Administración local para a posta en valor e divulgación do legado: «É a mellor homenaxe que se lle pode dar a unha persoa que escribe, dar novamente a ler as súas obras».

Doutra banda, o presidente da institución xornalística, Luis Menéndez, manifestou que «para os xornalistas é importante coñecer unha figura descoñecida por moitas razóns». Neste senso tamén se pronunciou Arantxa Fuentes, quen se referiu ás múltiples facetas de Victoriano e a súa loita a prol do gremio dos xornalistas, así como a defensa da liberdade de prensa e de expresión como un dos piares da democracia.

En representación da familia, Fátima Bermejo, lembrou episodios cotiás dos seus parentes e da súa propia infancia: «Victoriano é para nós o exemplo de que as fronteiras só existen no noso pensamento».

Ver noticia en La Voz de Galicia