Hemeroteca

A Pobra revaloriza a García Martí

Cunha ruta teatralizada e unha ofrenda floral remataron na vila os actos que organizou a Asociación de Periodistas de Santiago ao redor do escritor e xornalista // Dende o Concello recoñecen que “quedan tarefas pendentes” para honrar ó autor e que se seguirá saldando a débeda con el

Compartir

 

A Pobra do Caramiñal rememorou a época de Victoriano García Martí cun itinerario teatralizado guiado polo actor Roberto Leal, ataviado como o intelectual, e a profesora Arantxa Fuentes, especializada na vida e obra do escritor e xornalista.

Os puntos neurálxicos desta ruta lúdico-didáctica foron a Praza da Constitución, a carón do consistorio; a Praza Victoriano García Martí, onde tamén se realizou unha ofrenda floral; o exterior do Museo Valle-Inclán; e a fachada da súa antiga casa situada no Areal. As persoas asistentes tiveron a oportunidade de coñecer espazos relacionados coa súa traxectoria vital e profesional para ter un mellor coñecemento sobre este ilustre veciño.

Pecháronse así os actos de homenaxe promovidos pola Asociación de Periodistas de Santiago ao longo deste ano e que contaron coa colaboración do Concello da Pobra do Caramiñal e o apoio doutras entidades, como o Ateneo de Santiago.

Previamente, o salón de plenos acolleu unha recepción institucional á delegación vencellada á sociedade xornalística procedente de Compostela, nun acto presidido polo alcalde, Xosé Lois Piñeiro.

O compromiso da administración local para contribuír ao recoñecemento e coñecemento deste referente cultural, Fillo Predilecto da localidade, foi o aspecto no que se centrou a concelleira de Cultura, Patricia Lojo, na súa intervención.

Ver en El Correo Gallego