Hemeroteca

Concerto 'Poeticall Musicke: Tobias Hume e a viola da gamba nas illas británicas'

O trío Capela Compostelana, conformado por Francisco Luengo, Xurxo Varela e Julieta Viñas, ofrece un concerto na Igrexa da Universidade

Compartir

 

A cuarta edición do festival Ateneo Barroco 2022 programa un novo concerto na Igrexa da Universidade o vindeiro martes 11 de outubro ás 20.00 horas.

Unha longa traxectoria de máis de trinta anos de traballo na música antiga atesoura o conxunto Capela Compostelana baixo a dirección de Francisco Luengo, violagambista que nos achega á curiosa figura de Tobias Hume no segundo concerto do festival.. Neste concerto, titulado Poeticall Musicke: Tobias Hume e a viola da gamba nas illas británicas, os integrantes de Capela Compostelana serán o trío de violistas formado polo propio Francisco Luengo, Xurxo Varela e a gambista e tamén cantante Julieta Viñas.

Músico e militar, probablemente mercenario, que tería participado en campañas cos exércitos ruso e sueco, Tobias Hume foi un dos intérpretes e compositores máis importantes xurdidos nas illas británicas no século XVII arredor da viola da gamba, instrumento cuxo valor como solista reivindicaba con entusiasmo fronte ao laúde. Tobias Hume ampliou os recursos técnicos interpretativos deste instrumento e deixou unha obra chea de poesía e bo humor, poñendo ás súas coleccións de pezas para viola da gamba títulos como Poeticall Musicke ou Musical Humors, que, dalgún xeito, describían e suxerían o carácter, o espírito poético e cheo de afectos da súa singular música.

O Ateneo de Santiago promove este festival e que conta co patrocinio do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia así como da Deputación da Coruña, e coa colaboración do Concello de Santiago, o Centro Dramático Galego , a Axencia Galega das Industrias Culturais e  a Universidade de Santiago de Compostela.

Ler en Xornal da USC

Eventos relacionados