Hemeroteca

A intelixencia artificial protagonista nos Luns do Ateneo

Os Luns do Ateneo programa para hoxe unha charla sobre intelixencia artificial impartida por Amparo Alonso, comisionada pola Universidade da Coruña para este tema.

Compartir

 

A charla leva por título “Intelixencia Artificial e ética: unha parella indisoluble” e comezará as sete e media da tarde na rúa do Vilar 19, con acceso libre ata completar aforo. Amparo Alonso foi a designada pola Universidade da Coruña para o desenvolvemento do nodo de IA.

A intelixencia artificial, IA, é a disciplina que intenta desenvolver procesos propios da intelixencia humana a partir de máquinas e computadoras. A pesar de que esta revolución tecnolóxica brinda múltiples posibilidades, tamén presenta unha serie de cuestións éticas, tales como a regulación dos datos recollidos ou a privacidade do individuo, aspectos que serán tratados ao longo da conferencia.

Amparo Alonso Betanzos é Catedrática na área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na UDC. Licenciada en Químicas e Doutora en Físicas pola USC, foi Posdoutoral Fellow no Medical College de Georgia (EEUU), onde traballou en temas relacionados co desenvolvemento de Sistemas expertos para aplicacións médicas, así como Presidenta da Asociación Española de IA dende 2013 ata 2021.

Na actualidade é Comisionada da UDC para o desenvolvemento do nodo de IA da Cidade das TIC na Coruña, lugar elixido recentemente como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia).

Ver en Lindeiros

Eventos relacionados