Hemeroteca

Amparo Alonso, catedrática da UDC: "A Intelixencia Artificial non trata de substiuír as persoas, busca unha simbiose"

A catedrática na área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña (UDC) Amparo Alonso impartiu onte no Ateneo de Santiago a conferencia "Intelixencia Artificial e ética: unha parella indisolúbel", unha achega ao traballo de supervisión que a axencia Aesia liderará desde A Coruña para toda Europa.

Compartir

 

—Da intelixencia artificial (IA) sabemos que é unha das tecnoloxías máis innovadoras deste século, pero en se concreta? 
A IA é unha parte da informática que busca desenvolver máquinas e programas que sexan capaces de producir actividades propias da mente humana, cousas que, de facelas unha persoa diriamos que é intelixente, como aprender, razoar, recoñecer a linguaxe natural. No seu inicio pretendía reproducir a intelixencia humana, de feito ese é o seu obxectivo fundamental, mais esta IA xeral aínda non se conseguiu. O que temos son intelixencias artificiais de nicho estreito, sistemas intensivos que obteñen un gran rendemento pero en áreas moi concretas. Existe unha IA de propósito específico, pero non de propósito xeral.

—En que ámbitos están funcionando xa?
Hoxe en día é difícil pensar nunha área de coñecemento onde non haxa sistema de IA. Algúns dos logros máis importantes teñen que ver co descubrimento do mapa xenético e a estrutura de todas as proteínas coñecidas, no marco do programa AlphaFold, mais tamén con sistemas moi bos facendo diagnósticos en campos concretos da medicina, sistemas que traballan no cambio climático, en educación... Están presentes practicamente en calquera ámbito das disciplinas científicas, sociais e das humanidades.

—A IA está a superar ou a desprazar a intelixencia humana nalgunha destas áreas?
Hai sistemas que son moito mellores que as persoas. Pensemos por exemplo nun sistema de recomendación, como pode ser o da plataforma Netflix. Faino moito mellor que un humano, porque ningunha persoa é capaz de ter na cabeza os millóns de usuarios dese servizo e cada un dos seus gustos. Hai áreas da medicina onde tamén son superiores, porque son capaces de analizar moitísimos parámetros e moito máis rápido que as persoas sen que nas súas decisións inflúa nada emocional. O interesante é que a UE traballa nunha IA centrada nas persoas,  que considera relevante que haxa sempre un humano no traballo. Un sistema capaz de interpretar radiografías estaría por debaixo do erro, pero traballando os dous xuntos poderían reducir ese erro aínda máis, até facelo case inexistente.

Esta é a parte máis interesante da IA, o empoderamento dos humanos para desenvolvermos mellor os nosos traballos. Polo tanto,  non se trataría dunha substitución senón dunha simbiose entre amboas as dúas partes.

—Que cómpre para que esa asociación sexa posíbel? Como se crea unha intelixencia artificial?
A vella IA intentaba adquirir o coñecemento dos expertos humanos para despois codificalo na máquina, pero estas aplicacións son pouco escalábeis e teñen un mantemento moi caro. A IA que triunfa hoxe en día é a baseada en datos. Aí o que se precisa son enxeñeiros informáticos e en IA, mais tamén especialistas noutras áreas para saber a que se aplica e como ten sentido aplicala, persoas expertas -en dereito, marketing, psicoloxía- que nos axuden a sortear as trabas que pode supor o uso de determinados datos, que poden entrar en conflito coa privacidade, o dereito ao esquecemento ou algúns tipos de dereitos fundamentais; coa creación de nesgos -racista, sexista, machista- porque se usan poucos datos dun tipo de raza, etnia ou xénero.

Este é un dos labores da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia), comprobar os aspectos éticos da IA desde un punto de vista multidisciplinar. Asegurar que cada sistema, de risco alto, medio ou baixo, atenda aos requirimentos e restricións que fixa a normativa; e se detecta algún nesgo, corrixilo.

"A Aesia sitúa Galiza no mapa da IA"

Amparo Alonso desenvolve canda o seu grupo "algoritmos propios de IA de aprendizaxe automático; escalábeis, explicábeis, transparentes". Tamén fan aplicacións de IA en calquera ámbito: medio ambiente, clínica, industria, robótica, educación, mantemento preditivo...

Para Alonso, ter a sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia) na Coruña permite pór Galiza no mapa da IA, "nun sitio relevante en Europa e no mundo". Vai ser a primeira axencia de supervisión ética en territorio da UE, unha oportunidade para dar a  coñecer o ecosistema galego. "Temos emprendemento, empresas e uns estudos de IA e de enxeñaría informática, na Coruña, que son os máis antigos da Galiza".

Na medida en que a Aesia vai ter que supervisar cada sistema e organizar a concesión dos selos acreditativos, confía en que este labor sirva para atraer novas empresas e un futuro próspero para o alumnado de IA, enxeñaría informática e de datos que se está a formar nas tres universidades galegas.

Ler en Nós Diario

Eventos relacionados