Conferencia «A música no Códice Calixtino» de Carlos Villanueva
Rúa do Vilar, 19, Santiago de Compostela
O Códice Calixtino, a primeira guía do Camiño de Santiago, atesoura tamén 22 composicións polifónicas. Delas falará hoxe ás 19.30 horas o catedrático de música da USC, Carlos Villanueva, no ateneo de Santiago (Rúa do Vilar, 19). Villanueva pronunciará a conferencia A música no Códice Calixtino. As composicións englóbanse na primeira época da polifonía europea chamada Ars antiqua ou Ars veterum, que denomina a música realizada en Europa entre 1170 e 1310. O experto en música medieval falará desta escola, que ten como eixo central o que acabaría converténdose posteriormente na escola de Notre Dame. Carlos Villanueva Abelairas é profesor visitante da Universidade de Pennsylvania e asesor da Universidade Católica de Porto, así como profesor habitual de terceiro ciclo nas universidades de Oviedo, Granada, Autónoma de Barcelona e UNAM (México). Foi fundador e director do grupo In Itinere da USC (1977-2003) co que gravou unha ducia de CDs con repertorio medieval, renacentista e barroco, obtendo dous Premios Nacionais de Discografía (1984 e 1986). As súas liñas de investigación abarcan dende o estudo e a interpretación historicista da música antiga, a música nas catedrais galegas ou a relación da música e a literatura.
Ler en El Correo Gallego